18/05/18

Reunión extraordinaria da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo

O pasado venres 11 de maio tivo lugar unha reunión extraordinaria da  da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo, logo de que o concelleiro de Persoal advertise que era posible mellorar o texto acordado na anterior comisión e de cara a previr o menor número de reclamacións posible pola absorción dos novos trienios que o Concello de Betanzos lle vén facendo aos traballadores e traballadoras que teñen Complemento Persoal Transitorio desde a entrada en vigor do Convenio Colectivo, o pasado 7 de abril de 2017.

Con esta finalidade propuxo incluír o seguinte apartado relativo aos criterios de absorción nos acordos tomados uns días antes:

Os novos trienios cumpridos dende a entrada en vixencia do Convenio colectivo non serán absorbibles polo complemento persoal transitorio logo da entrada en vigor desta modificación.

A representante da CIG na Comisión Paritaria estivo de acordo, tendo en conta que varios traballadores xa estaban a dar os pasos para facer a reclamación deses trienios pola vía xudicial e entendendo que no caso de que quixesen continuala para reclamar os atrasos esta cláusula podería facilitar a interpretación favorable do convenio noutras instancias. Así pois, nesta reunión da Comisión acordouse incorporar este apartado aos acordados en días anteriores.

Ata o momento, e en espera de ver que informa o concelleiro na reunión pendente, a previsión é que esta modificación do Convenio colectivo vaia a pleno no mes de maio. Unha vez aprobada e que se saiba se os informes de Secretaría e Intervención son con carácter retroactivo ou non estariamos ante dous posibles escenarios nos que o persoal podería reclamar, no caso de que a cláusula non se aplique con carácter retroactivo, os atrasos absorbidos desde a entrada en vigor do convenio e ata que entre en vixencia esta modificación do Convenio colectivo.

Se algún compañeiro ou compañeira quere máis información sobre o tema pode poñerse en contacto cos delegados da CIG ou escribirnos a cigconcellobetanzos@gmail.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario