27/02/20

O CONCELLO DE BETANZOS LEVA ADIANTE A PRIMEIRA RPT QUE ELIMINA MÁIS DO 80% DAS PRAZAS DO PERSOAL LABORAL DA ANTERIOR


O goberno de María Barral leva ao pleno de febreiro de 2020 a primeira Relación de Postos de Traballo que elimina como estruturais o 81% das prazas do persoal laboral do Concello de Betanzos e discrimina salarialmente o restante 19% das incluídas fronte ás prazas ocupadas polo funcionariado cunha valoración moi superior que repercute directamente na ampliación da fenda salarial que existe historicamente entre o persoal laboral e o funcionariado.

A CIG do Concello de Betanzos considera gravísima a situación tendo en conta que unha RPT inclúe os postos estruturais dunha Administración, é dicir, os que se consideran necesarios para o funcionamento desta. Con esta decisión da CSIF e o goberno do PSOE o Concello de Betanzos considera que non son necesarias para o seu funcionamento 68 prazas que na actualidade son ocupadas polo persoal laboral distribuídas por todos os departamentos municipais e algunhas ocupadas durante máis de trinta anos. Esta decisión é inquietante porque amortiza as prazas do persoal laboral e considera que non teñen carácter estrutural para o funcionamento desta Administración local, se a isto lle unimos que non é a primeira vez que algún concelleiro lle explica ao persoal de servizos a facilidade coa que estes se poden privatizar, externalizar e subrrogar ao persoal, o escenario é, cando menos, preocupante.

A maiores de todo isto o goberno municipal negouse a incluír as sentenzas de indefinición firmes que actualidade teñen algúns traballadores laborais, demostrando un desprezo absoluto polas obrigas derivadas das sentenzas xudiciais e polos seus propios compromisos, xa que foi o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, o que instou aos traballadores a denunciar ao Concello se querían que o seu posto formase parte da RPT para agora ignorar as sentenzas firmes e nin sequera incluílas no documento que pretende someter á aprobación plenaria.

A CIG considera que con esta decisión o Concello de Betanzos e a CSIF descargan no persoal laboral en fraude de lei as consecuencias da nefasta xestión de persoal dos últimos trinta anos e castigan aos traballadores e traballadoras que aturaron a temporalidade e os salarios precarios durante máis de tres décadas a unha precariedade aínda maior e afondan na fenda salarial entre o funcionariado e o persoal laboral. A maiores, o PSOE incumpre o seu compromiso co persoal laboral de que o Convenio colectivo era o primeiro paso para unha xusta equiparación salarial que se realizaría nos seguintes anos e que, á vista da RPT, era unha absoluta mentira do goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario