O PSOE de Betanzos, no seu intento de agravar as discriminacións existentes entre o persoal laboral e o funcionariado quere levar ao pleno do mes de febreiro a primeira Relación de Postos de Traballo que exclúe á case totalidade do persoal laboral e crea un sistema retributivo claramente discriminatorio que levará á existencia de tres tipos de empregados no Concello de Betanzos, coas diferenzas salariais consecuentes:
1. Persoal funcionario
2. Persoal laboral con adscrición fixa/provisional na RPT
3. Persoal laboral sen adscrición na RPT
Este sistema de discriminación argallado polo PSOE e a CSIF suporá que un traballador de limpeza viaria funcionario cobrará máis que un traballador de limpeza viaria laboral con adscrición fixa/provisional na RPT, e este, á súa vez, cobrará máis que un traballador de limpeza viaria que non ten adscrición na RPT. 3 salarios con importantes diferenzas mensuais para un mesmo traballo que van frontalmente en contra do que na CIG levamos defendendo desde hai nove anos, que é que a igual traballo, igual salario independentemente do tipo de relación contractual coa Administración, xa que todo o contrario é discriminación laboral.
Con esta decisión o goberno de María Barral descarga no persoal laboral en fraude de lei as consecuencias da nefasta xestión de persoal do Concello de Betanzos dos últimos trinta anos e castiga aos traballadores que aturaron a temporalidade e os salarios precarios durante máis de tres décadas nalgúns casos. Desde a CIG consideramos completamente inaceptable que un goberno socialista castigue ao persoal con salarios máis baixos cando en realidade os traballadores son vítimas da mala xestión dos distintos gobernos e quen debería pagar por esta neglixencia debería ser o goberno, non o persoal, que será castigado cun salario máis baixo se decide non acudir ao xulgado.
A CIG está preparando as alegacións a esta Relación de Postos de Traballo e facilitará un horario de atendemento aos traballadores e traballadoras do Concello para asesorar sobre a situación na que quedan os postos de traballo e asesorar ao persoal que queira presentar alegacións de xeito individualno caso de que a aprobación da RPTprospere e teña lugar a aprobación provisional do documento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario