Tal e como se pode comprobar na orde do día o segundo punto da convocatoria plenaria de hoxe é a resposta aos recursos de reposición presentados á Relación de Postos de Traballo. Ata onde puidemos saber diversos traballadores e colectivos interpuxeron recursos de reposición como vía previa á xurisdición contencioso-administrativa que se prevé que sexan desestimados na súa totalidade grazas á maioría do goberno do PSOE de María Barral e amparados nun informe realizado a medida pola empresa que asesorou na elaboración da Relación de Postos de Traballo.
A CIG, pola súa parte, recorreu directamente ao contencioso ao entender que a resposta do recurso de reposición sería a mesma que a das alegacións e este trámite o único que faría é dilatar o tempo de aplicación dunha RPT discriminatoria. Tamén en xaneiro propuxo que o Comité de Empresa presentase unha denuncia na Inspección de Traballo polo incumprimento do convenio colectivo do persoal laboral coa non inclusión dos postos na RPT mais este acordo no se adoptou aínda na actualidade porque a CSIF decidiu adialo como todo o que non lle convén e puidese ir en contra dos intereses do funcionariado beneficiado pola Relación de Postos de Traballo, e, nomeadamente de diversos colectivos que saen especialmente beneficiados desta RPT discriminatoria.
A maiores, varios dos traballadores e traballadoras con sentenza xudicial de indefinición agardan o resultado do contencioso da CIG contra o Concello pola RPT xa que o Concello de Betanzos xa está na actualidade a incumprir as sentenzas xudiciais firmes que obrigan ao Concello a incluír estes postos na RPT aos tres meses da sentenza e cuxa negativa actual do Concello a facelo lles está a ocasionar prexuízos económicos que reclamarán se non o soluciona proximamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario