Dúas sentenzas, de aplicación en todo o Estado, estiman as demandas da CIG
A
CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, dúas sentenzas polas
que se anulan parte dos obxectivos de produtividade dos/as
Inspectores/as médicos/as do INSS e dos médicos de Sanidade Mariña
do ISM. As sentenzas poñen de manifesto que a seguridade social
estaba a utilizar medios fraudulentos para limitar a duración das
baixas e estender a vixencia dos recoñecementos médicos dos
traballadores embarcados, poñendo así en risco a súa saúde. A
sentenza referida ao INSS ten especial relevancia, porque abrangue ao
conxunto de traballadores/as de todo o Estado.
No
ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os
obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social
que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos
de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade
pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo.
Isto traducíase, no caso do INSS, en que cantas máis altas se
concederan maior puntuación se obtería no índice de produtividade
e polo tanto máis diñeiro se cobraría.
O xulgado
central do Contencioso-Administrativo número 5,
con sede en Madrid, vén de emitir a sentenza pola que se anula este
índice por consideralo contrario a dereito.
Nunha
anterior sentenza, emitida xa no mes de abril, o Xulgado
Central do Contencioso-Administrativo núm. 2,
con sede en Madrid, estimaba tamén o recurso da central sindical
contra a resolución do Secretario de Estado da Seguridade Social que
fixaba os obxectivos de xestión para o ano 2011, e que servían
igualmente de base para o cobro do complemento de produtividade dos
médicos do ISM.
O
avogado da asesoría xurídica nacional da CIG, Héctor López de
Castro explica que estas dúas sentenzas son importantes polo que
significan en si pero, sobre todo, polo que revelan. “Estamos nun
momento no que hai un dogma segundo o que o estado debe reducir o seu
déficit, debe ingresar máis e debe gastar menos. Con estas dúas
sentenzas ponse de manifesto unha forma de reducir o gasto, pero
ademais de facelo mal, porque se fai en fraude de lei e faise pondo
en perigo a saúde laboral dos traballadores”.
No
referido ao ISM, os médicos de Seguridade Mariña realizan os
recoñecementos de embarque marítimo, que serven para determinar que
as condicións psicofísicas dos mariñeiros son compatíbeis co
posto de traballo e non supoñen perigo para a saúde e seguridade do
traballador embarcado, do resto da tripulación do buque e da propia
navegación marítima.
No
caso da sentenza referida ao INSS a súa transcendencia é moito
maior tanto no ámbito, porque afecta ao conxunto de traballadores de
todo o Estado, como pola súa transcendencia económica, xa que o
Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións
por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se
encontran de baixa por enfermidade ou accidente.
O
punto en común das dúas sentenzas é que se introduce como
complemento de produtividade dos médicos, tanto do INSS, como do ISM
un factor que prima os obxectivos económicos das entidades xestoras
sobre o propio dereito á protección da saúde do artigo 43 da
Constitución.
López
de Castro explica que se introduce un complemento económico na
xestión da duración das baixas e os recoñecementos que ten como
consecuencia que se pague máis en produtividade, ao conxunto do
servizo, obtendo un resultado que define como “antixurídico”
porque o que se pretende é aforrar custos á administración da
Seguridade Social. “A consecuencia é que hai traballadores/as que
reciben alta médica cando as súas condicións probabelmente non son
as máis idóneas para traballar”.
Isto
é contrario tanto ao código deontolóxico profesional médico, xa
que non poden ver condicionada a súa actuación por factores
económicos, como á propia definición do complemento de
produtividade, que debe pagar a rendemento, dedicación e interese
que un/unha traballador/a ou funcionario/a pon na prestación do seu
traballo.
Neste
sentido, Esther Fontenla, médica de Seguridade Mariña do ISM
explicou, na rolda de prensa, que as/os profesionais tanto do ISM
como do INSS, “sentímonos condicionados/as por unha banda polo
resto de compañeiros/as da administración do Estado, porque este
complemento de produtividade non se dá exclusivamente ao persoal
médico senón que se reparte a partes iguais entre todas as
traballadoras e traballadores da Dirección Provincial”.
Xunto
a isto, matizou que puxeron en dúbida que isto fora en concordancia
co Código Deontolóxico da profesión médica e por iso consultaron
á Organización Médica Colexial que en escrito de resposta
déronlles a razón considerando que efectivamente ía en contra.
Atendendo a isto, explicou, “intentamos chegar a un acordo coa
administración” entendendo que este obxectivo estaba condicionando
o seu labor e o acto médico en si.
Fontenla
considera que estas sentenzas confirman que, efectivamente, a
introdución destes índices no cálculo de produtividade “van en
contra do Código Deontolóxico da profesión médica”.
Pola
súa banda Xaime Rey, responsábel do sector de Administración do
Estado da CIG-Administración, lembrou que desde a central sindical
tamén se intentou convencer aos responsábeis da Secretaría de
Estado da Seguridade Social da necesidade de que se retirase este
apartado, entendendo que afectaba á libre prescrición e libre
actuación dos/as médicos/as. “A administración sempre argumentou
que os obxectivos non eran materia incluída na negociación
colectiva senón que os marcaba a administración como unha
estratexia de xestión”.
Para
a CIG a prestación sanitaria por IT (incapacidade temporal), é
fundamental na medida en que garante a subsistencia material das
traballadores e traballadores en situación de enfermidade. Ante
estas sentenzas, Francisco Miranda Vigo, secretario confederal de
Comunicación da central sindical denuncia que as políticas de
austeridade están levantando sospeitas sobre as/os traballadoras/es
que se ven na necesidade de exercer este dereito. “Hai cantidade de
persoas que teñen que acudir aos seus postos de traballo dados de
alta estando enfermas e mesmo casos de despedimentos para aqueles que
pola súa situación de enfermidade non están aptos para realizar o
seu traballo en condicións óptimas”.
No
medio dunha campaña mediática de demonización dos traballadores/as
que se ven obrigados/as a recorrer a unha baixa por enfermidade estas
sentenzas constatan que é a propia administración a que “fai
trampa” para conseguir uns obxectivos puramente económicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario