O
Estado español logrou un aprobado raso, cunha nota de 54 sobre 100,
no Índice de Igualdad de Género que publica a Comisión Europea por
primeira vez este ano; un resultado que coloca a situación das
mulleres do Estado español en liña coa media europea, tamén con 54
puntos, pero lonxe dos países nórdicos, onde os resultados superan
os 70 puntos.
O exame, realizado
polo Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE, polas súas
siglas en inglés), sinala a necesidade de "cambios" nas
políticas europeas para "acelerar" o proceso de igualdade
de oportunidades entre homes e mulleres na Unión Europea, segundo
explicou a directora do instituto, Virginija Lanbakk.
Para
elaborar este índice tivéronse en conta seis campos diferentes e
púxose nota á situación da muller con respecto ao home en todos
eles, dende o poder que teñen na toma de decisións das súas
empresas ata os ingresos que obteñen ou a educación e formación
que reciben.
O
primeiro campo avaliado é o da posición que ocupan as mulleres no
mercado laboral de cada país, área no que as mulleres do Estado
español, cunha nota de 61,3, quedan por debaixo dos 69 puntos que
obteñen as europeas de media.
En
comparación coa media da UE, as españolas tamén suspenden ao medir
as desigualdades en salarios e posición económica, cunha nota de
60,7 fronte ao 68,9 europeo, e cando se trata da xestión do tempo,
que ten en conta o peso do traballo e outras actividades na súa
xornada, onde o Estado español obtén 33,8 puntos e a UE, unha media
de 38,8.
No
resto de áreas examinadas, o Estado español mellora a media
europea. Así, suma 53,5 puntos e supera os 48,9 da UE no campo do
coñecemento, que ten en conta o acceso á educación e formación.
Tamén mellora os 38 puntos de media da UE no que se refire ao peso
das mulleres no mundo da empresa e da política e obtén 47,2 puntos.
Por
último, as mulleres do Estado español obteñen unha nota de 90,7 en
cuestións sanitarias como o acceso aos servizos de saúde, onde a
media da UE é de 90,1.
Ningún comentario:
Publicar un comentario