13/06/13

O forte incremento do prezo dos alimentos e das medicinas acrecenta as dificultades da maioría da poboación galega


A CIG alerta do cada vez maior deterioro das condicións de vida da maioría social e o alarmante risco de exclusión social

O IPC medrou en Galiza o 1,8% respecto do mes anterior. Os produtos que máis contribuíron a este incremento foron precisamente os da cesta básica: alimentos e medicinas. A CIG denuncia que isto afecta especialmente ás persoas desempregadas e pensionistas, mais tamén ás traballadoras e traballadores que viron diminuídos nestes últimos anos os seus ingresos. A central sindical alerta de que esta situación provoca que o risco de pobreza e exclusión social sexa cada vez maior e do enorme deterioro que se está a producir nas condicións de vida da maioría das galegas e galegos.
O Gabinete Técnico de Economía da CIG advirte das consecuencias que este incremento de prezos terá para a poboación pensionista, con ingresos medios por debaixo dos 600 euros e que é, ademais, a que dedica a maior parte da súa pensión a alimentos e medicinas. E non só para elas, senón tamén para todas as familias que hoxe en Galiza se sustentan grazas a eses ingresos.
O Gabinete atribúe o incremento de prezos dos medicamentos á retirada de moitos deles do chamado “Catálogo de Medicamentos” e afirma que “cantos máis medicamentos saen do catálogo, máis medra o prezo dos mesmos para beneficio das multinacionais farmacéuticas o que por un lado, non favorece o pretendido aforro público e, polo outro agrava a xa castigada situación económica dos fogares, nomeadamente dos pensionista”.
Do mesmo xeito, advirte que a suba dos prezos dos alimentos afectará fundamentalmente á poboación sen ingresos ou con fortes dificultades económicas. De feito, en Galiza había xa no mes abril 127.000 persoas desempregadas que non cobran ningunha prestación.
Este incremento de prezos deteriora aínda máis as condicións de vida do conxunto das traballadoras e traballadores, xa que a medida que se reducen os seus ingresos a proporción dos mesmos destinados á cesta da compra é cada vez maior. Algo que non ocorre para quen teñen maiores ingresos, xa que o peso da cesta da compra representa só unha ínfima porcentaxe no conxunto dos seus gastos. As desigualdades sociais son pois cada vez maiores e o risco de pobreza e exclusión é a esta altura alarmante.
IPC Maio.

Variación anual (%)

2013/Maio

España
Galicia
Xeral
1,7
1,8
Alimentación e bebidas non alcohólicas
3,4
3,3
Bebidas alcohólicas e tabaco
4,3
4,4
Vestido e calzado
0,3
0,2
Vivenda
0,1
0,6
Enxoval
1,4
1,8
Medicina
13,5
13
Transporte
-0,1
-0,2
Comunicacións
-4
-4,1
Ocio e cultura
1,6
1,4
Ensino
10,4
4
Hoteis, cafés e restaurantes
0,7
1,4
Outros bens e servizos
2,9
3,2
 



Ningún comentario:

Publicar un comentario