O mes de setembro comeza
con moitos temas pendentes e moito traballo por diante, entre eles
estamos pendentes da resposta a varias denuncias realizadas nos
pasados meses na Inspección de Traballo. Ata o momento a Inspección
respondeu mediante unha notificación á denuncia realizada con
respecto a estado dalgunhas instalacións do Centro de Formación
Ocupacional, onde insta ao Concello a que “adopte as medidas
necesarias para que a utilización do lugar de traballo non orixine
riscos para a seguridade e saúde dos traballadores” ademais
indícalle que “deberá elaborar proposta de solución e acreditalo
ante a Inspección”.
Con respecto a esta
denuncia, uns días despois de acudir a Inspección ao centro
denunciado o Concello tomou a determinación de cambiar aos
traballadores de lugar, mais aínda non se sabe de certo se este será
o seu centro definitivo. En todo caso está pendente a visita dos
delegados de prevención ás novas instalacións de cara a
comprobaren que cumpren a normativa vixente en materia de saúde
laboral e asegurárense de que non se volvan repetir episodios como o
o derrubamento, e no caso contrario, poñer en coñecemento da
Inspección que as medidas tomadas non foron insuficientes no caso de
ser así.
A maiores, no mes de
agosto os delegados da CIG puxeron en coñecemento da Inspección
dous casos máis de posibles irregularidades de cara a que
intercedese esta ante a falta de resposta e solución por parte do
Concello. Estamos pendentes da resposta no caso dunha posible cesión
ilegal de traballadores, tema que mesmo trascendeu e chegou a se
tratar no pleno, e mais unha outra denuncia efectuada con respecto á
información das horas extras que non se lle facilita ao Comité de
Empresa con carácter puntual nin exhaustivo, o que dificulta o
traballo de velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de
realización de horas extraordinarias.
A maiores e á vista dos
datos de que se dispón o Concello está a obrigar a realizar máis
horas das permitidas legalmente nalgúns departamentos e collelas en
tempo libre para que non conste a realización das devanditas horas
na documentación que se lle achega ao Comité, obrigando a algúns
traballadores a realizar continuos cambios de xornadas, mentres que
para outros non hai reparo en pagalas, volvendo a incorrer nas
discriminacións existentes entre traballadores que ás veces o certo
é que xa semella que son máis unha cuestión de nomes e apelidos
que de necesidades dos departamentos. Todo isto levou a ter que realizar a denuncia no relativo á realización das horas extraordinarias para que a Inspección determine se o Concello cumpre ou non a lexislación vixente no que ten que ver coas horas extraordinarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario