27/02/14

Gañado conflito colectivo de reclamación dos 14 días da paga extra do ano 2012

Logo de que a CIG decidise presentar unha reclamación con respecto aos 14 días da paga extra do ano 2012 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza viña de recoñecerlle ao persoal laboral da Xunta, na semana pasada soubemos que o Xulgado do Social n.º 4 da Coruña fallaba o seguinte con respecto á demanda:

"Estímase a demanda interposta pola Confederación Intersindical Galega fronte ao Concello de Betanzos e, en consecuencia:

Declárase o dereito dos traballadores do Concello de Betanzos que non percibisen a parte proporcional da paga extraordinaria de decembro de 2012 correspondente ao período comprendido entre o 1 de xullo e o 14 de xullo de 2012 a percibir esta.

Condénase á demandada a que proceda ao abono das citadas cantidades a cada un dos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do conflito."

Contra esta sentenza cabe recurso de suplicación no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, mais polo momento non temos constancia de que o Concello iniciase este trámite. Por tanto, na próxima xuntanza que a representación do Comité ten pendente co concelleiro de Persoal un dos temas polos que preguntará é cando o Concello ten pensado realizar o pagamento ao que foi condenado polo xulgado do social e agardamos que desta volta, tal e como aconteceu cando o Concello non lle pagaba ao persoal readmitido os atrasos correspondentes, non haxa que recorrer ao xulgado de novo a solicitar a execución da sentenza.

Diante desta sentenza observamos unha vez máis como paga a pena recorrer á vía xudicial cando o Concello non corrixe as eivas na aplicación da lexislación de motu propio, e aínda que nunca é agradable para ninguén recorrer a esta vía, sempre que consideramos que temos dereitos que están a ser vulnerados e o Concello rexeite a vía da negociación faremos o que está na nosa man para mellorar a situación colectiva do persoal laboral.

NOTA: Con respecto a esta nova queremos aclarar que a UGT do Concello de Betanzos, a pesar de copiar en ocasións as novas textualmente das deste blog, minte descaradamente en diversas ocasións, non só porque este conflito colectivo foi gañando pola CIG en exclusiva, non polo Comité de Empresa ao completo, senón que mesmo ten a prepotencia de dicir que "delegou" na CIG este xuízo cando un sindicato non é ninguén para delegar noutro, e menos un con minoría no Comité fronte ao que ten a maioría. Cando un sindicato con representación considera que se fai algo ilegal debe denuncialo e punto, e ata o momento, nos tres últimos anos, o único sindicato que lle plantou cara ao Concello nos tribunais, ou que mesmo acudiu á Inspección de Traballo cando foi necesario, foi a Confederación Intersindical Galega tendo que aturar, a maiores, continuos reproches do sindicato minoritario defendendo de xeito firme as actuacións ilegais do Concello a cambio de prebendas que descoñecemos e representado por traballadores en fraude de lei (segundo informes do propio concello) que se negan mesmo nesta situación a acudir ao xulgado a denunciar a situación irregular na que están (cando os delegados sindicais non só deberían asesorar aos compañeiros nestes casos, senón tamén deberían dar exemplo), e parecendo así cómplices das actuacións irregulares do goberno municipal e a maiores defendendo a actuación do Concello nos despedimentos improcedentes dos compañeiros, o que resulta aínda, moito máis rastreiro, insolidario e reprochable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario