28/02/14

Mal comezo, Galivalia comeza a non cumprir os prazos e coller os malos costumes do Concello

O pasado martes 18 de febreiro, día en que tivo lugar a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos, e onde estivo presente Javier Ferreira, por parte da empresa Galivalia, a empresa contratada polo Concello para a elaboración da Relación de Postos de Traballo e o asesoramento na negociación do convenio, el mesmo, cando se instou ao Concello a marcar uns prazos para retomar a negociación, indicou que teriamos novas a finais da semana que finaliza hoxe.

Nesa mesma mesa, onde se propuxo que as negociacións de convenio de laborais e funcionarios fosen por separado polas diferentes complexidades, o propio concelleiro e o asesor da empresa, que falaba por boca do anterior, informaron de que o proceso de negociación comezaría de inmediato e que na seguinte semana, é dicir, nesta mesma, os sindicatos teríamos información e seriamos convocados de novo. Unha semana e media despois isto non foi así e lamentamos que os malos costumes pareza que se peguen e non se cumpran  os prazos nin mesmo externalizando o servizo, antes, durante anos, a escusa foi que o Departamento de Persoal estaba desbordado de traballo, agora, cunha empresa externa cobrando por este traballo parece que tampouco hai moito interese e o tempo non dá. 

Agardamos que este retraso só sexa puntual e non a tónica xeral e o Concello sexa xeneroso na súa vontade de negociación cos traballadores nun proceso que se aveciña complexo pola magnitude das propostas de cambio presentadas pola empresa e avaladas e acordadas co Concello, e coas que aínda hai moitas cuestións no aire tendo en conta que na análise inicial o asesor da empresa tiña descoñecemento dalgunhas cuestións relativas á estrutura retributiva do persoal laboral e de suma importancia para este.

Ningún comentario:

Publicar un comentario