15/12/14

As Mesas de Negociación nas que non se negocia nada

O goberno municipal do Concello de Betanzos escusa convocar máis Mesas Xerais de Negociación amparándose nunha lexislación que exixe negociación e que na práctica, mesa tras mesa, está supoñendo unha imposición das propostas do goberno e caso omiso ás propostas dos representantes dos traballadores.

Unha vez máis, como nos ten acostumados, o Concello convoca unha Mesa cun único punto da orde do día e non acepta nin unha soa das propostas presentadas pola CIG porque segundo Diego Fernández, o orzamento non permite aprobar máis que o que propón o Concello... entón, para que nos convocan?

Repasemos, o goberno municipal convocou unha Mesa Xeral de Negociación, da que aínda non temos a acta, no pasado verán, cun único punto na orde do día "dar conta da documentación relativa a persoal a incluír nos orzamentos 2014", por tanto, de negociar nada de nada, non acepta as propostas presentadas, nin sequera responde ás alegacións presentadas a posteriori, como o pleno tampouco lle aproba o que o goberno encabezado por Ramón García lle vai ben, decide aprobar todo en Xunta de Goberno botando man da lexislación aprobada polo PP que tantas veces tivo a cara de criticar publicamente, e agora volve a outra Mesa a dicirnos que como xa está o orzamento aprobado (=imposto) xa non se pode negociar a Oferta de Emprego Público para o ano 2014. En serio, que se vaian a rir doutros e se aínda queda alguén con sentido que lle quite de inmediato, como mínimo, "obreiro" do nome, porque isto xa está empezando a ser un insulto ao persoal e ao sentido do que é unha verdadeira negociación á vista dos feitos.

Deixámosvos unha selección de novas para lembrar como se aprobaron estes orzamentos cos que agora queren impoñer a OPE que lles vai ben:

O Concello convoca Mesa Xeral de Negociación para este luns sobre orzamentos 2014 e a RPT mais parece que sen intención de negociar






Pois ben, á vista deste panorama comezou unha Mesa Xeral de Negociación na que a CIG foi o único sindicato que propuxo ampliar a OPE (Oferta de Emprego Público) mesmo facendo referencia ás posibilidades legais de facelo, tendo en conta que nos parecía ben que a OPE contase con prazas para a policía mais obviamente insuficiente para as necesidades deste Concello. A precaria situación de persoal actual do Concello con respecto á Relación de Postos de Traballo vixente supón que haxa 22 prazas "vacantes" (entendendo por vacantes as que non están nin temporal nin definitivamente cubertas por ninguén), das cales 4 son de persoal funcionario e 18 de persoal laboral. 

O feito de que o 100% do persoal laboral sexa temporal dificulta na actualidade a cobertura definitiva desas prazas mais non a cobertura temporal, tal e como se lle solicitou ao goberno municipal, tendo en conta que estamos a falar de falta de persoal en servizos como o cemiterio, a xardinaría, as obras, a limpeza viaria e de edificios ou a axuda a domicilio e que de a maiores destes 18 postos hai que falar que a día de hoxe hai 10 baixas das cales só unha está cuberta e de que case todas, agás as de maternidade, corresponden ao sector de servizos, o que demostra o grave desgaste do persoal de determinados departamentos do Concello.

A proposta inflexible do goberno é presentar unha OPE só para dúas prazas de Policía, unha de promoción interna e outra de oposición libre, por tanto, eis os datos, de 4 funcionarios menos, 2 prazas que se convocan, de 18 laborais menos, 0 prazas que o goberno municipal supostamente socialista se nega a cubrir mesmo temporalmente.

A maiores, entre o funcionariado, existe a posibilidade da promoción interna, que a lexislación actual permite, é máis, o propio goberno municipal pretende convocar unha praza de Policía por promoción interna, por tanto é legal, e baseándose nisto desde a CIG propuxemos que a promoción interna se aplicase e ampliase tamén a todos/as os/as auxiliares administrativos/as que na actualidade puidesen promocionar a administrativos/as (máis aínda cando a liña entre o traballo dun e doutro posto é moi difusa neste Concello) mais a resposta do goberno foi a irrisoria de que o orzamento que foi imposto non o contemplaba, mais tampouco se comprometeu a estudar esta proposta de cara ao futuro. Deducimos pois, da firmeza coa que o goberno municipal se opuxo a que nesta OPE promocionen os/as auxiliares administrativos/as que a idea é que nesta Administración, entre o funcionariado, só promocione a Policía, que ten o seu dereito, mais nin máis nin menos que o resto do persoal, e o resto de funcionarios/as que tamén poderían promocionar non deben existir para o goberno municipal, porque se algo está claro é que isto nin se lles pasou pola cabeza na primeira OPE que pretenden levar a cabo nesta lexislatura, e unha vez que o propuxo a CIG a resposta foi, igualmente negativa, como dixo o concelleiro de Persoal "aquí vimos a falar das prazas da Policía", para acabar co debate sobre a posibilidade de incluír na OPE outras prazas.

Por tanto, non sabemos se se aprobou a OPE presentada polo Concello ou non porque non se votou nada, o único que podemos dicir é que non se negociou nada, que a CIG propuxo, a maiores do presentado polo Concello, a cobertura das prazas necesarias de laborais e a cobertura dunha das prazas de persoal administrativo vacante por xubilación e mais a posibilidade de promoción interna para todo o funcionariado , non só para a Policía, propostas ás que o goberno municipal se negou en rotundo. Canto ás intervencións dos outros dous sindicatos presentes (UGT e CSIF) foron propostas para a convocatoria das prazas de Policía mais nada canto ao resto do persoal, é máis o CSIF aínda solicitou a cobertura dunha outra praza para a Policía, que non dubidamos da súa necesidade, mais nada falou da promoción interna do resto do funcionariado ao que representa ou das dúas prazas vacantes do cadro administrativo, coma sempre, moi na súa liña.

Agardaremos a que o Concello entregue a acta para aprobar e asinar para comprobarmos como se reflicte nesta a inexistencia de negociación nin de acordo ningún, a pesar de que aínda estea pendente a acta do 11 de xullo de 2014, da Mesa Xeral de Negociación na que se "deu conta" de todo o relativo aos orzamentos e que logo se levou a pleno mais que aínda non se lle entregou, cando menos, á CIG, como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeran de "Negociación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario