O Comité de Empresa do Concello de Betanzos leva tres anos solicitándolle ao Concello de Betanzos a información sobre as retribucións dos distintos postos do persoal laboral, a táboa dos salarios brutos e mais a información sobre as retribucións do persoal non permanente (contratado ao abeiro de subvención ou mesmo xa sen contrato nin subvención como o persoal do anterior GRUMIR que non despediron ao acabar a subvención).
A única táboa de retribucións que ten o Comité de Empresa é unha do ano 2010 que o anterior goberno lle entregou ao Comité de Empresa anterior e que se encontraba na documentación que o anterior secretario do Comité lle entregou ao actual. É dicir o goberno actual négalle información ao Comité de Empresa da que mesmo dispuñan Comités de Empresa anteriores, mais o peor son as escusas alegadas durante anos polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que mesmo chegou a dicir que tal documentación non existía, o que resulta irrisorio, que o Concello non teña unha listaxe cos salarios dos/as traballadores/as, e a pesar de que en 2012 o Comité lle entregou unha copia da táboa que tiña de 2010 para demostrarlle que esa documentación tiña que existir en persoal non se volveu saber nada do tema, ou sexa, que non interesa entregar esa información á que os representantes dos traballadores temos dereito.
O peor é que tamén o Comité de Empresa entregoulle ao propio alcalde, Ramón García, en 2013, unha copia de todo o que o Comité levaba solicitado e sen resposta até ese momento e as boas palabras nunca se converteron en feitos e seguimos igual en decembro de 2014. Tanto a Relación de Postos de Traballo como a retribución de cada posto deberían ser públicas non entendemos a que se debe tanta opacidade durante anos con este tema cando logo o PSOE solicita transparencia noutras instancias e noutros organismos con respecto aos salarios, todo isto non fai máis que converter a política laboral deste goberno municipal en esperpéntica e pouco coherente entre o que se di e o que se fai.
Documentación salarios
Ningún comentario:
Publicar un comentario