04/12/14

Información sobre as horas extraordinarias: tarde, mal e arrastro

Que ao Concello de Betanzos lle custa informar aos representantes do persoal e achegar a documentación á que ten dereito non é nada novo, que cada vez neste Concello se fan máis horas extras porque o goberno municipal se nega a cubrir nin un só dos máis de vinte postos libres da Relación de Postos de Traballo tampouco é novo mais o triste é que cada vez é menos novo que se acaba a partida de cartos das horas extraordinarias cando faltan varios meses para acabar o ano, iso si que denota un grave problema. 

É un grave problema porque no momento que se solicita que se fagan horas extras o primeiro é informar de que non hai cartos para pagalas, e é un grave problema porque se pagan como extraordinarios traballos que non o son e cando haxa que facelos efectivamente os departamentos afectados non poderán cobrar por horas que teñen a obriga de facer se se debe a unha situación verdadeiramente extraordinaria, e extraordinarios non son traballos relacionados coa embarcación municipal, coa limpeza viaria, coas festas ou actividades, todo iso non é extraordinario porque é algo previamente programado, por tanto, se hai necesidade en determinados postos de realizar eses traballos iso debe constar en cada un dos postos, nas súas retribucións e características e non tirarse dunha partida orzamentaria para situacións extraordinarias, para que logo, cando estas cheguen non haxa cartos. 

Van dous meses que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa a información correspondente ás horas extraordinarias, por iso hoxe, por iniciativa da CIG rexistrou, unha vez máis, unha solicitude con respecto a isto que vos deixamos abaixo e que na que se lle require ao Concello o seguinte:

 Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa a relación de horas extras correspondente ao mes de outubro e novembro de 2014, tal e como é preceptivo e como o propio asesor xurídico do Concello informou que se debe facer mensualmente.

Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo.

Que o Concello especifique os criterios de compensación económica ou en tempo das horas extraordinarias, á vista de que os criterios utilizados poderían ser discriminatorios e hai persoal ao que constantemente se lle denega o cobro a pesar de estar en situación semellante á outro ao que constantemente se lle paga.

Que o Concello de Betanzos deixe de incumprir o acordado no convenio colectivo canto ao cobro de horas extras e cese na discriminación que supón o pagamento de gratificacións a unha parte do persoal e o pagamento de horas extras propiamente a outra parte, o que impide, ademais, vixiar o cumprimento da normativa vixente no relativo ao número máximo de horas extras realizadas anualmente por determinados traballadores.

Que o Concello de Betanzos lle entregue a este Comité de Empresa toda a información mencionada e a necesaria para vixiar o cumprimento da lexislación vixente no relativo á realización de horas extraordinarias do persoal laboral.

Horas Extraordinarias Pendentes

Ningún comentario:

Publicar un comentario