05/08/15

Contratos de luns a domingo e sen horario, nova modalidade do Concello de Betanzos

É o segundo caso nos últimos quince días que o Concello lle achega ao Comité de Empresa un contrato que indica que a xornada se establecerá de luns a domingo e sen horario laboral definido.

Este e outros motivos son os que levaron ao Comité, por iniciativa da CIG, a amosar a súa disconformidade coas condicións laborais reflectidas no contrato de reforzo para o servizo de Turismo. Tendo en conta que neste Concello non existe nin un só documento nin papel, ou cando menos ao Comité de Empresa non llo facilitan, onde se recollan os horarios laborais dos diferentes servizos, a pesar de que xa hai tres anos o Comité propuxera incluír o anexo de horarios específicos no convenio e no último momento non foi no documento porque seica logo de tres anos de negociación non había tempo, os traballadores e traballadoras que comezan nesta Administración cuxos contratos non definen xornadas de traballo nin horarios laborais poderían verse obrigados a unha total dispoñibilidade non recoñecida nin remunerada.

Se a esta esperpéntica situación lle sumamos que se considera modificación das condicións laborais o cambio de horario o feito de que este non se reflicta no contrato facilita a modificación continua das condicións e podería servirlle ao Concello para vulnerar a lexislación laboral vixente. A maiores, e no caso de que o traballo se desenvolva de luns a domingo debería existir un calendario de quendas do servizo na actualidade inexistente polo que consideramos unha completa explotación este tipo de condicións laborais que deixan en clara situación de discriminación aos contratatos, coma neste caso, por subvención, fronte ao persoal máis estable da Administración local.

Como podedes ver, este e outros motivos levaron a achegarlle por rexistro ao Concello unha petición de adecuación do contrato ás condicións laborais conforme á lexislación vixente e a amosar a  disconformidade co que desde a CIG consideramos unha manobra para poder ter vía libre e vulnerar a lexislación laboral en materia de xornada de traballo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario