Os datos do paro rexistrado do mes
de xullo revelan a elevada rotación do mercado de traballo e súa
progresiva precarización
O número desempregados e
desempregadas anotadas no Servizo Público de Emprego (SEPE) acadou
en Galiza no mes de xullo as 216.371 persoas (12.691 parados/as menos
con respecto ao mes anterior). Unha evolución positiva no paro
rexistrado que se repite cada ano neste período por mor das
contratacións da campaña de verán. Porén, estes datos contrastan
coa elevada contratación temporal e o continuado descenso da taxa de
cobertura.
A este respecto hai que subliñar
que dos 98.931 contratos asinados en Galiza durante o pasado mes, só
6.035 (6,10%) se inscribiron baixo algunha das modalidades de
contratación indefinida existentes. Os restantes 92.896 contratos
rexistrados teñen carácter temporal, o que da unha idea clara da
elevadísima rotación do mercado de traballo e das precarias
condicións laborais que isto conleva.
Neste senso cómpre lembrar que
das cifras de contratación, 73.785 corresponden a contratos
temporais asinados no sector servizos, principalmente nas provincias
da Coruña e Pontevedra.
Paro o Secretario Confederal de
Finanzas, Ramiro Oubiña, este dato, “que en cifras absolutas pode
parecer positivo, é un dato baleiro” se non se analiza que tipo de
emprego se está a xerar. A este respecto, apunta que, no caso de
Galiza, os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística para o
ano 2014 indican que o 36% dos contratos realizados neste período
foron a tempo parcial.
Por iso, bota en falta que na
análise política que o PP fai do desemprego non se entre a valorar
en profundidade a cifra total de contratos a xornada completa e a
xornada parcial, e dentro desta o número de horas de traballo por
contrato. “A caída do paro en máis 12.000 persoas en Galiza é
positiva e esta é a análise superficial que fai o PP ás portas
dunhas eleccións. Pero se desagregamos os datos podemos
chegar a conclusións dramáticas: non se está creando emprego,
senón que onde antes había posto de traballo, agora hai tres postos
precarizados”.
Amais, lembra que para que un ou
unha traballadora volva contabilizarse nas listas do paro ten que
pasar un mes logo do seu último contrato, aínda que este só durara
tres días.
Outro dato significativo para o
Secretario Confederal de Finanzas da CIG sobre as condicións do
mercado laboral refírese a que, aínda medrando as altas na
Seguridade Social, os ingresos desta están en caída dende o ano
2008. Unha merma que atribúe –entre outras cuestións- ao
espectacular incremento dos contratos a tempo parcial que implican
cotizacións máis cativas. “O que está a facer o PP é repartir a
miseria”, asegura.
Xunto a isto, Ramiro Oubiña
denuncia a gravísima perda de poboación activa no noso país,
ligado especialmente á emigración entre a xente máis nova e mellor
preparada.
Descenden os parados que
perciben prestación
Doutra banda, a porcentaxe de
parados/as que perciben algún tipo de prestación continúa
descendendo, sendo no mes de xuño 110.279 as persoas que perciben
algún ingreso (fronte ao total de 216.371 persoas inscritas no
SEPE). Deste colectivo, unicamente 42.840 (38.9%) desempregados/as
reciben prestación contributiva, fronte ás 52.361 persoas que
perciben un subsidio, as 12.762 que cobran a Renda Activa de
Inserción e as 2.316 cuxos ingresos proceden do denominado Programa
de Activación de Emprego.
É dicir, de cada 100 parados/as
só 51 cobra algún tipo de prestación, mentres que no mesmo período
do ano pasado, eran 54,2 os desempregados e desempregadas con
prestación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario