13/08/15

MENTRES O CONVENIO SEGUE PARALIZADO OS CONCELLEIROS SÓBENSE O SALARIO

Hai cousas que corren présa e outras que van paseniño, todo depende da importancia e o interese que o goberno municipal teña en que se tramiten.

Pouco tardaron en aprobaren as súas propias retribucións e mesmo menos en ampliar a partida de gastos dos concelleiros nun mínimo de 12 000 euros máis anuais ao engadirlle un concelleiro sen dedicación á Xunta de Goberno Local.


Mais cando se trata do convenio dos traballadores, acordado en Mesa Xeral de Negociación e aprobado en pleno hai xa varios meses a cousas cambia. A pesar de que no pasado mes o concelleiro de Persoal indicou que o convenio se enviaría, pouco despois tivemos novas de que non foi así e segue no Concello e sen se tramitar.

Xa hai dous meses o Comité instou ao Concello a que axilizase a súa tramitación mais o goberno municipal vén facendo oídos xordos ao compromiso que adquiriu cos traballadores laborais e que aprobou no último pleno da pasada lexislatura. Entendemos que o Concello aforra cartos mentres isto non siga para adiante mais lamentamos fondamente que demostre un nulo interese en que saia para adiante o acordo ao que chegou cos traballadores e traballadoras.

No caso de esta situación continuar así o Comité de Empresa deberá valorar as medidas que tomar para que o Concello dea o paso e non teña secuestrado no Concello un texto que foi acordado cos traballadores e aprobado polo pleno municipal.

O Comité advertiulle ao Concello que considera grave que catro meses despois da súa sinatura o Concello aínda non iniciase a tramitación do convenio acordado e ratificado polo pleno e non enviase a documentación pertinente aos organismos administrativos laborais correpondentes posto que é o goberno municipal o encargado de levar a cabo a tramitación e execución dos acordos tomados polo Pleno da corporación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario