Reuniuse
esta mañá con representantes do grupo Mixto, PSOE e PP
Representantes
da Executiva da CIG reuníronse este mércores cos grupos
parlamentarios mixto, popular e socialista para denunciar o grave
deterioro da negociación colectiva en Galiza e solicitar a
presentación de iniciativas na cámara que permitan camiñar cara un
Marco Galego de Relacións Laborais. O grupo mixto manifestou o seu
compromiso a facelo e as e os representantes de PP e PSOE,
comunicaron que debaterán as propostas nos seus respectivos grupos
para tomar unha decisión ao respecto.
O
secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara,
e o de Finanzas, Ramiro Oubiña, manifestaron a súa preocupación
polas consecuencias que en materia de negociación colectiva tiveron
as sucesivas modificacións lexislativas no Estatuto das
Traballadoras e Traballadores.
Modificacións
que afectaron a materias fundamentais como a aplicación e
interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a
estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou
a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios
colectivos.
Subliñaron
ademais as consecuencias derivadas de dar prioridade aos convenios de
empresa fronte aos de sector, o que permitiu rebaixar o que estes
recollen; limitar a ultraactividade dos convenios a un período
máximo dun ano e facilitar ou dar liberdade ás empresas para non
aplicar un convenio colectivo. Cuestións que xeraron un panorama que
cualificaron como “desolador”.
Os
representantes da central sindical sinalaron ademais que o resultado
foi que o contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos
diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns
incrementos ridículos; cada vez, inaplícanse máis convenios ou
simplemente non se negocian e increméntanse as desigualdades
salariais entre traballadores e traballadoras dunha mesma empresa e
mesmo entre empresas dentro dun mesmo sector”.
Para
a CIG, estes cambios na normativa laboral acometéronse de forma
consciente por parte dos diferentes gobernos españois para provocar
unha caída xeneralizada dos salarios, dividir a clase traballadora
pola vía da atomización dos convenios e a individualización da
negociación das condicións laborais. Un proceso que se viu
agudizado coas sucesivas contrarreformas laborais que facilitaron e
abarataron o despedimento, flexibilizaron a contratación facilitando
a fraude e a precarización da mesma, posibilitaron a modificación
substancial das condicións de traballo e a distribución irregular
da xornada, baixo a falsa xustificación de ser políticas necesarias
para poder saír da crise, pondo interesadamente como unha das
causas principais da orixe e saída desta as supostas rixideces do
mercado laboral, agochando así as verdadeiras razóns desta crise
que teñen a súa orixe no modelo económico financeiro de economía
especulativa.
Recuperar
e fortalecer a negociación colectiva
Diante
desta situación, da que deron conta aos grupos parlamentares e que
para a CIG é de “emerxencia para a clase traballadora”, a
central sindical entende que é imprescindíbel derogar os decretos
que permitiron chegar a este punto e recuperar o protagonismo e o
fortalecemento da negociación colectiva.
Un
fortalecemento que a CIG entende que non é posíbel sen a
participación activa da clase traballadora, o cal implica
promocionar e potenciar os ámbitos de negociación no que
sexan os traballadores e traballadoras afectados, así como os
empresarios, os verdadeiros protagonistas a hora de decidir sobre o
que se negocia, se acorda e en que termos se fai a negociación.
Por
iso a central sindical considera contrario aos intereses da clase
traballadora e a unha dinámica que supoña o fortalecemento da
negociación colectiva, calquera proceso de estatalización dos
convenios hoxe existentes en Galiza, no ámbito provincial ou de
empresa. E entende que toda a negociación colectiva debe
desenvolverse no ámbito galego, baixo o estrito control e interese
da clase traballadora e da patronal galegas, priorizando as unidades
de negociación sectorial máis próximas e apostando polo tanto
responsabelmente a defender de forma colectiva a autorregulación
dunha materia que ten que ser básica a hora de fixar as condicións
de traballo e adaptalas á realidade social e económica de Galiza.
Neste
sentido, ao igual que xa propuxera ao BNG e AGE nas xuntanzas
mantidas con estes grupos a semana pasada, propuxo este mércores ao
grupo Mixto, PP e PSOE que insten ao Parlamento de Galiza a aprobar
que:
- O marco galego de relacións laborais esixe que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia non só sobre o convenio de empresa, senón tamén sobre os estatais. Igualmente os acordos sobre materias concretas ou acordos de estrutura a nivel de Galiza deben prevalecer sobre aqueles de ámbito estatal de semellantes características.
- Reforzar a garantía da ultraactividade ilimitada do convenio colectivo.
- Os convenios sectoriais terán a consideración de dereitos básicos, polo cal ningún convenio de empresa poderá establecer condicións inferiores ás determinadas polos convenios sectoriais de referencia.
Xunto
a isto solicitaron que nesas proposicións e ou iniciativas se inclúa
tamén o acordo de dar traslado a todas as organizacións
empresariais e sindicais actuantes en Galiza, así como o Consello
Galego de Relacións Laborais e se acorde apoiar todas aquelas
iniciativas, sindicais ou lexislativas, que contribúan a facer
viábel este pronunciamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario