19/05/16

Solicitada unha reunión co concelleiro de Persoal

O pasado luns o Comité de Empresa solicitou, por iniciativa da CIG, unha reunión co concelleiro de Persoal coa intención de tratar diversos temas que ben están pendentes ou que non están solucionados, así como transmitirlle a súa postura con respecto a determinadas decisións tomadas de xeito unilateral polo goberno municipal e que lle afectan de xeito directo e indirecto ao emprego público.

Entre estes temas exporanse varios deles como son os recoñecementos de antigüidade pendentes, o estado de tramitación do convenio colectivo, a resolución correspondente ao horario de verán e diversos problemas relacionados co xornada e horarios que se manifestan nun trato desigual entre o persoal que non se poderá garantir en tanto goberno municipal non tome medidas no asunto. O goberno municipal é o único que pode garantir o trato igualitario entre os traballadores desta Administración local e o pasotismo, a ineficacia e as actuacións represivas selectivas están redundando nun malestar entre o persoal cada vez maior e máis difícil de solucionar.

Non podemos esquecer que cinco meses despois o goberno aínda nos adebeda a paga de 2012, e que tendo en conta que sacaron adiante concursos como o da praza do patrón ou diversas privatizacións, están gastando os cartos deste ano 2016 no que lles peta mais non en devolvernos o que nos roubaron. Aló polo 2012 era moi doado criticar ao Partido Popular e dicir que o facían porque non teñen máis remedio, mais desde hai ben tempo xa teñen remedio, e poden pagala, mais seguimos a ser estafados polo goberno local que agocha unha pésima xestión en persoal baixo as mentiras de Diego Fernández amparadas polo alcaldo e todo o  equipo de goberno.

O Comité tamén se oporá unha vez máis abertamente á última das privatizacións do goberno do PSOE que agora suple as baixas das compañeiras de axuda a domicilio directamente cunha empresa privada, indo abertamente en contra dun acordo plenario e demorando interesadamente a publicación dunha bases para a confección dunhas novas listaxes de substitución.

Varios temas máis son os que cómpre tratar co concelleiro de Persoal antes de tomar determinacións que obriguen a optar por outros camiños, porque por moito que nos vendan ultimamente máis a súa foto que a do propio alcalde na prensa, na CIG non esquecemos que os últimos cinco anos foron un continuo conflito laboral de despedimentos, sentenzas, non negociación e malas palabras que se materializan en que aínda non teñamos un convenio colectivo novo en vigor ou sigamos cunha Relación de Postos de Traballo do ano 2008 e cunha chea de contratos en fraude de lei que padecen compañeiros e compañeiras laborais que traballan no Concello de Betanzos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario