A CIG fai un chamamento a participar na
manifestación nacional unitaria convocada, un ano máis, con motivo
da conmemoración do 8 de marzo, polo movemento feminista galego para
o vindeiro domingo día 5 de marzo, que sairá ás 12 horas da Rúa
do Hórreo, diante da estación de tren de Compostela.
A central sindical tamén anima a
arroupar a iniciativa internacional impulsada polas organizacións
feministas para este 8 de marzo de convocar un Paro Internacional de
Mulleres, amosando a nosa solidariedade como central sindical coas
compañeiras de diversos países do mundo que secundarán o paro
convocado para este ano. Simbolicamente pararemos con elas.
Por iso, chamamos a secundar un paro de
media hora e a participar na concentración convocada pola
CIG, ás 11:00 horas, o propio 8 de marzo, diante da Secretaría
Xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida
Pisco, condutora de Autobuses de Calo, porque simboliza as demandas
de todas as mulleres ao representar a meirande parte das
discriminacións que sufrimos no mundo do traballo, tras padecer
durante 8 anos acoso e terrorismo patronal.
De igual xeito, a CIG anima a todas as
mulleres deste país a que fagan un paro de media hora no seu
traballo, no centro educativo no que estuden, na súa casa, que saian
á rúa.
As que non poidan parar que vistan de
negro ou violeta. A que todas inunden as redes sociais cun letreiro
que amose a solidariedade coas mulleres que en moitos países do
mundo van ir á folga, empregando os hashtag: #ParoDeMulleres
#NósParamos #Solidariedade #8M
Actos convocados na semana do 8 de
Marzo
Como organización integrante da Marcha
Mundial das Mulleres, a CIG tamén fai unha chamada a
participar nos actos convocados por esta organización, así como nos
que esta participa xunto con outras organizacións do feminismo
galego, durante a semana do 8 de marzo:
-4 de marzo: mural reivindicativo en
Vigo
-5 de marzo: 12h participación na
manifestación nacional do feminismo galego en Compostela
-6 a 12 de marzo: accións de rúa en
Vigo
-8 de marzo: 20h Manifestación en Vigo
dende Praza Portugal
-8 de marzo: 19h Concentración en
Ferrolterra (Praza do Inferniño)
-8 de marzo: 12h Paro simbólico en
Ourense (Praza maior) e ás 20h Mani-festa-acción da Castañeira aos
Xardíns Padre Feijóo
-8 de marzo: 19h Manifestación do
movemento feminista en Compostela (Praza 8 de marzo)

Ningún comentario:
Publicar un comentario