21/03/17

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que axilice a creación de contas de correo electrónico para o persoal do Concello para que a información de temas laborais se distribúa en igualdade de condicións entre todo o persoal municipal

Nos últimos meses o Concello vén informando a través das contas de correo electrónico da Deputación da Coruña de diversa información de temas relativos ao persoal, como as convocatorias da Comisións creadas neste ano 2017, unha delas de reestruturación de persoal e recentemente vén de convocar a todo o persoal con conta de correo electrónico oficial a unha reunión para o martes 21 de marzo para que asistan os traballadores e traballadoras interesadas para presentar ao equipo que está traballando na elaboración da RPT.

Unha parte do persoal laboral, nomeadamente o vinculado a servizos, non conta con correo electrónico do Concello, e, por tanto, non recibe esta información en igualdade de condicións que o resto de compañeiros e compañeiras. O Concello unicamente envía esta información por correo electrónico, polo que está privando a unha parte do persoal de información que lle afecta, á vez que o discrimina na distribución de información con respecto ao resto do persoal.

Así mesmo, non todo o persoal conta cun ordenador no seu posto de traballo nin o Concello ten ningún habilitado para que o persoal poida consultar este tipo de información. A maiores, na actualidade, para poder solicitar actividades formativas para o persoal dos concellos, como é o caso das da Deputación da Coruña é imprescible que o persoal municipal conte cunha conta de correo electrónico da Deputación da Coruña.

Debido a todo isto o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos cree coa maior brevidade posible as contas de correo electrónico do persoal que na actualidade non conta con ela de cara a que poida ser informado en igualdade de condicións que o resto de traballadores e traballadoras de todas as novidades relativas ao persoal que lle afectan. Así mesmo, que no momento de creación destas habilite un punto de consulta para o persoal, tanto para as convocatorias como a que vén de realizar como para poder realizar a inscrición na formación que así o requira.

SEGUNDO. Que mentres non crea estas contas utilice as vías de comunicación tradicional, nomeadamente co persoal que non ten conta de correo electrónico nin acceso a un ordenador, de cara a garantir a igualdade de información entre todos os traballadores e traballadoras deste Concello.

TERCEIRO. Que o Concello convoque as reunións de persoal nun horario no que poida asistir a maior parte do persoal municipal, xa que no horario convocado para o 21 de marzo, as dúas da tarde, hai persoal ao que lle resulta imposible asistir porque non pode deixar o servizo descuberto, como é o caso do persoal da Escola Infantil Municipal ou persoal auxiliar de axuda no fogar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario