13/03/17

Horas extras: novo atraso na entrega da información

Unha vez máis o Concello vulnera o dereito de información dos representantes dos traballadores e traballadoras do persoal labora e obriga ao Comité de Empresa a acudir á Inspección de Traballo para que medie, tal e como tivo que facer a finais do mes pasado e como xa fixo en múltiples ocasións ao longo destes últimos anos. Resulta lamentable que os representantes dos traballadores teñan que acudir continuamente á Inspección para non ver vulnerados os seus dereitos, especialmente o da información que debe ser entregada de xeito mensual, tal e como informou o asesor xurídico do Concello.
Este mesmo mes cúmprense tres meses da solicitude de información sobre as gratificacións do persoal funcionario, que esta Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicitou ao abeiro da Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e seguimos sen resposta. Logo deste prazo o silencio administrativo considérase denegación da solicitude, polo que acudiremos a denunciar a vulneración deste dereito ante o Xulgado.
O Concello, que tanto se enche a boca falando da transparencia, practica unha total opacidade cos representantes dos traballadores e con información que os compañeiros de seccións sindicais doutros concellos non teñen ningún problema en acceder. A cuestión é que se non houbese nada que ocultar non deberían vulnerar o dereito de información mais a reiteración desta vulneración e a teima do goberno municipal en non facilitar a información resultan demasiado sospeitosas logo de anos dándolle voltas ao tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario