Son máis de cinco anos os que o Comité de Empresa leva loitando por un reparto máis xusto das axudas sociais, de xeito que as axudas sexan mellores para quen máis lle fai falla e se reduzan proporcionalmente cando maiores sexan as rendas familiares, sempre tendo en conta que estas axudas foron para a unidade familiar e non para os traballadores individualmente.
O propio Comité de Empresa por volta de 2012 presentou unha proposta de novo documento que nunca foi negociado e desde ese momento o goberno municipal leva anos dándolle voltas a un reparto das axudas máis xusto, algo que consideramos de xustiza. Son varios os textos diferentes achegados desde ese momento e sobre os que os representantes dos traballadores fixemos achegas en múltiples ocasións mais que en ningún momento chegaron a ser negociadas.
A pasada semana, unha vez máis, o Concello presentou un novo texto onde contempla tramos para o pagamento dunhas axudas cunhas novas contías, mais o documento que nos presenta para negociar na vindeira Mesa de Negociación, resulta imposible que sexa negociado porque nolo deu a medio facer. Logo de máis de cinco anos o Concello achega unha proposta que contempla un sistema de tramos sen as contías e unha serie de axudas mais sen as contías tamén, polo que ata que non achegue un documento completo non habería moito que negociar.
O tema das bases das axudas sociais é un dos exemplos de desastrosa xestión de determinados temas de persoal neste Concello, avalada por feitos como que hai cinco anos mesmo se lle negaba o dereito a algúns compañeiros laborais a solicitalas, sempre houbo un incumprimento sistemático dos prazos de concesión, un escurantismo total na concesión, posto que a pesar de que as bases contemplan que se deben publicar nunca así se fixo ou as dificultades para acordar un novo documento que substitúa ao obsoleto e aprobado no ano 2001. Dezaseis anos despois vai sendo hora de actualizar as contías, os conceptos e o regulamento de reparto e nesa liña seguiremos traballando desde a Sección sindical da CIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario