Os
feitos que dan lugar a esta sentenza acaeceron cando un traballador
recibiu a orde de acudir á empresa en día festivo e subir, xunto ao
seu xefe, ao falso teito da nave, sen utilizar ningunha medida de
prevención nin protección, caendo ambos de 6,35 metros por
desprazamento dunha placa. O traballador sufriu lesións moi graves e
reclamou civilmente contra a empresa, que foi condenada. A empresa
presenta recurso para tentar implicar ao Servizo de Prevención Alleo
na indemnización, alegando que o falso teito non estaba contemplado
na Avaliación de riscos.
Cando
se realizou a primeira avaliación de riscos, a técnico do SPA
preguntou onde se dirixía unha escaleira de obra e dixéronlle que á
oficina do xerente tal como asevera ela mesma en xuízo. Logo
resultou que estaba a oficina do xerente pero ademais había unha
sala e dentro da mesma un cuarto no que se atopaba unha trampilla
pola que se accedía ao falso teito.
O
Tribunal considera na sentenza que a técnico do Servizo de
Prevención Alleo estaba obrigada a inspeccionar os falsos teitos
pola posibilidade de que se desenvolvese algunha actividade neles.
Na
investigación posterior, a Inspección de Traballo estableceu única
e exclusivamente a responsabilidade da empresa polos feitos
acaecidos. Non sancionou, por tanto, ao Servizo de Prevención Alleo.
A
cuestión debatida céntrase en determinar se o Servizo de Prevención
Alleo co que a empresa concertou a avaliación de riscos laborais e a
confección dun plan de seguridade ha de ser condenado
solidariamente, solidariedade que se debe estender á compañía
aseguradora coa que a empresa especializada na prevención de riscos
laborais ten concertado un seguro de responsabilidade civil.
A
sentenza recorrida, fai constar nos feitos declarados probados que
"Na avaliación de riscos vixente ao momento do accidente non
había referencia algunha ao falso teito ou instalacións existentes
no mesmo e traballos que puidesen levar a cabo nel", pero
argumenta que non é esixible responsabilidade á empresa que levou a
cabo tal avaliación porque "á técnico que realizo a
avaliación non se lle informou da existencia dun falso teito ao que
se accedía dende a oficina do xerente e que en momentos determinados
podíanse realizar traballos no devandito lugar". De tal
criterio discrepa a parte demandante, afirmando a responsabilidade
civil da empresa de prevención de riscos, pola defectuosa avaliación
dos riscos, ao non contemplar os derivados dos traballos que se
podían levar a cabo no falso teito.
No
recurso non se cuestiona que o accidente sufrido polo traballador
demandante produciuse pola omisión de medidas de seguridade
esixibles, dado que se lle ordenou polo seu superior para realizar
labores de mantemento nun lugar no que existía risco de caída
porque a superficie dende a que se había de operar (falso teito) non
era estable. Trátase de determinar se, ademais do empresario é
esixible responsabilidade á empresa á que este encomendara a
avaliación de riscos.
A
sentenza estima que, no presente caso, a empresa contratada para a
avaliación dos riscos estaba obrigada a inspeccionar e examinar
todos os lugares nos que se podía levar a cabo algún tipo de
actividade laboral e dado que esta inclúe as actividades de
mantemento, estaba obrigada a inspeccionar os falsos teitos por se
nos mesmos estivesen situados condutos, dispositivos ou maquinaria
susceptible de actividade de mantemento e dita obrigación non pode
deixar de levarse a cabo polo feito, como afirma a sentenza, de que
non fose informada da existencia de tal tipo de dispositivos no falso
teito, máxime se existía unha trampilla que facilitaba o acceso ao
falso teito que era perceptible, trampilla que poñía de manifesto a
posibilidade de actividade a desenvolver no devandito lugar. Procede
en consecuencia estimar que o Servizo de Prevención Alleo incumpriu
as obrigacións que lle impoñía o contrato en virtude do cal a
empresa concertou con ela a avaliación dos riscos laborais, omitindo
na súa avaliación riscos que afectaban as actividades de mantemento
e, por iso, non concretou cales haberían de ser as medidas para
adoptar no caso de necesidade de acceso ao falso teito para levar a
cabo tarefas de mantemento, incumprimento contractual que, sen
excluír a responsabilidade do empresario principal, tivo relevancia
causal na produción do accidente de traballo. É por iso que procede
declarar a responsabilidade civil da citada empresa, con aplicación
do que establece o artigo 1902 e 1903 do código civil,
solidariamente coa da empresa. Así a sentenza condena solidariamente
coa empresa ás citadas empresas codemandadas, limitándose a da
aseguradora aos límites que poidan derivar do contrato de seguro con
ela concertado.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario