O goberno municipal paralizou hai sete meses a negociación dos criterios partida de produtividade para o reparto entre a totalidade do persoal municipal, mentres lle paga o 72% da partida a unha soa funcionaria. Esta decisión do goberno de María Barral leva meses causando moito malestar entre o persoal municipal pola discriminación que supón.
Desde o pasado mes de novembro, que tivo lugar a Mesa de Negociación por este tema, logo de reiteradas solicitudes da CIG, o goberno municipal teima en non negociar estes criterios mentres lle segue pagando de xeito irregular o 72% da partida orzamentaria a unha soa traballadora funcionaria.
A lexislación é clara, a produtividade pode pagarse, mais os criterios deben negociarse, mais no Concello de Betanzos páganse sen negociar e a quen escolle o goberno municipal. No pasado ano o Concello, logo da solicitude da CIG, achegoulle o decreto de pagamento da produtividade, que especifica a contía de 7230,60 euros ano ano, que lle supoñen a esta traballadora 602,55 euros ao mes máis na nómina. Na solicitude, a CIG pídelle información, posto que aínda que a asignación inicial era por seis meses, o Concello mentres paraliza a negociación colectiva, parece ser que lle renovou a produtividade a esta traballadora por seis meses máis.
Xa en novembro a CIG foi o único sindicato que lle solicitou ao goberno municipal na Mesa Xeral de Negociación que declarase nula a asignación desta produtividade, mentres o resto dos sindicatos calaban a boca. Resulta especialmente significado que o CSIF, o sindicato dos funcionarios, non se pronuncie sobre esta discriminación manifesta, nin amose o máis mínimo interese pola negociación desta partida que podería beneficiar á totalidade dos traballadores do Concello de Betanzos, e isto responde claramente á súa liña de traballo que beneficia exclusivamente ao funcionariado, e, agora mesmo, exclusivamente a unha funcionaria concreta.
A maiores, cómpre ter en conta que o goberno municipal está incumprindo o Convenio colectivo do ano 2017, que xa indica expresamente que esta partida se debe negociar coa maior brevidade posible, e que claramente deixar a un lado para seguir utilizando os cartos de todos en beneficio duns poucos.
Desde a Sección sindical da CIG agardaremos a que o goberno municipal reúna a Mesa de Negociación proximamente por este tema, mais no caso de non se producir esta negociación acudiremos a algunha das diferentes vías coas que contamos para denunciar as irregularidades, e acudiremos a onde fixen falla, ben á Inspección de Traballo ou ao Xulgado do Social para que o goberno municipal non perpetúe este comportamento discriminatorio para o persoal ao servizo desta Administración local, e seguiremos adiante para frear estas prácticas que non só sempre benefician a uns poucos en detrimento dos colectivo, senón que especialmente benefician ao funcionariado en detrimento do persoal laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario