Con relación a este conflito, non só presentaron reclamacións de dereito e cantidade 20 traballadores e traballadoras, senón que tiveron unha reunión co propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e a concelleira de Formación e Emprego, María Jesús Regueiro, ás que asistiron dous delegados da CIG e na que se lles expuxo a problemática. O goberno municipal xustificou a discriminación pola especificidade dos contratos e en contra do que indica o Convenio colectivo, manifestou a vontade de modificar o convenio para non aplicarllo a esta parte do persoal (mais iso sempre afectaría a vindeiros obradoiros) e indicou que se o informe da Asesoría Xurídica era positivo non terían problema en acceder á reclamación, que serían as diferenzas entre o cobrou o persoal e o que indica o convenio, algo máis de mil euros por traballador. Resultou unha contradición total por parte do concelleiro non acceder directamente ao solicitado, toda vez que admitiu que para non aplicar o convenio a este persoal en futuras ocasións habería que modificalo, mais xa sabemos que cando se trata de xustificar a pésima xestión de persoal do Concello de Betanzos todo vale.
Esta cuestión é aínda moito máis grave se temos en conta que este persoal traballaba 40 horas á semana, tamén incumprindo o convenio colectivo, ao facer dúas e media máis á semana que o resto, o que supuxo un total de 80 horas na totalidade do contrato que deberían ser consideradas como extraordinarias e cobradas como tal, toda vez que exceden a xornada reflectida no Convenio colectivo. No caso de non lle pagar estas horas como extraordinarias, o Concello non só se negaría a aplicarlle a xornada do Convenio colectivo, senón que incidiría máís na discriminación deste persoal ao ser o único colectivo que non cobraría as extras, nun Concello onde a partida de horas extraordinarias medra ano a ano mentres o cadro de persoal mingua cada vez máis e os reparos suspensivos de Intervención para o pagamento destas son continuos, porque, entre outras cousas o goberno municipal do PSOE se nega a controlar a xornada laboral e así poder acreditar as horas extraordinarias debidamente, mesmo en contra da lexislación estatal que el mesmo aprobou no Estado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario