Non son poucas as mulleres que sofren
acoso laboral. Un acoso laboral que non ten por que levar unha
connotación sexual necesariamente, pero si teñen que ver coa
condición de muller. Os motivos son diversos, a conciliación ou a
maternidade están entre eles. A día de hoxe en Galicia non se
dispoñen de cifras concretas para avaliar ata onde chega este tipo
de discriminación laboral.
O acoso laboral, tamén chamado
mobbing, é unha situación de maltrato cara o traballador ou
traballadora. Pode realizarse mediante ameazas, coaccións, críticias
ao desenvolvemento laboral da persoa, frear as iniciativas dese
traballador ou traballadora ou o menosprezo diante dos e das
compañeiras de traballo.
Existen colectivos que sufren en maior
medida o acoso laboral por diversas razóns. As mulleres, as persoas
con diversidade funcional, empregados e empregadas con
responsabilidades familiares e aquelas persoas que viven situacións
afectivo-sexuais diferentes á familia ou parella “tradicional”.
Estes serían os grupos que máis sufrirían o asedio por parte de
acosadores.
QUE É O ACOSO LABORAL A MULLERES?
Existen variantes de acoso que
afectan de maneira directa ás traballadoras. Segundo Marga Corral,
da CIG, poden ser “o acoso laboral propiamente, o sexual ou
acoso por razón de sexo”. A diferenza entre os dous últimos está
en que o acoso por razón de sexo “inclúe non só cuestións
machistas ou sexistas, senón todo o relacioando coa maternidade e os
coidados”. Ademais hai que engadir o acoso por razón de identidade
que sería aquel “por identidade afectivo-sexual, mulleres trans,
lesbianas ou que teñan unha familia diferente á parella
heterosexual”.
“A lei de igualdade recoñece o acoso
sexual e o acoso por razón de sexo” di Mónica Rodríguez da
UGT. As estatísticas sobre acoso laboral a mulleres e outros tipos
de acoso “son escasas ou non as hai, co que nós dicimos que é
unha discriminación evidente, se non as hai parece que o problema
non existe ou non se quere falar del”. En tal caso, Rodríguez
apunta que o 95% do acoso sexual vai dirixido a mulleres, o 5% a
homes procedente maiormente doutros homes.
“O acoso laboral ten diferentes
definicións, o que máis sofren as mulleres é o sexual” di Mamem
Sabio de CCOO. “Con todo é aquela actitude, presión, insulto ou
acción que atente contra a dignidade da persoa”. O principal
obxectivo do acoso a mulleres no ámbito laboral é facelas sentir
débiles ata que acaben rendéndose.
IDEOLOXÍA DETRÁS DO ACOSO LABORAL A
MULLERES?
As ideas preconcibidas sobre as
mulleres en entornos laborais poden deberse a unha ideoloxía?
“Si, todo este tipo de acosos rexénse polo machismo,
todos son intrínsecos” sinala Marga Corral, que engade “non
hai unha soa situación de acoso sexual (a mulleres) que non implique
acoso laboral”. Non obstante, o acoso sexual pode ser illado no
tempo mentres que o acoso laboral é reiterado no tempo.
A “ideoloxía machista” déixase
notar máis en sectores laborais “masculinizados”, onde a
presenza exclusiva de homes aínda non se superou ou non se rompeu.
“É certo, cando falamos sobre a incorporación a sectores
masculinizados, moitas compañeiras din que non foi fácil nos
primeiros momentos”sinala Mónica Rodríguez.
“Hai homes que aceptan de bo grao a
entrada de mulleres dentro de áreas laborais masculinizadas, aínda
así, elas teñen que demostrar que valen” di Mamem Sabio. “Se es
home non che fan digamos, “un exame”, mais se es muller
debes demostrar que vales e moito máis”.
MATERNIDADE E CONCILIACIÓN, FACTOR DE
RISCO?
O feito de que unha muller se incorpore
ao traballo logo da súa maternidade, pode ser motivo de mobbing e
acoso laboral. Por que? “Porque hai unha concepción machista de
cal debe ser a responsabilidade desas mulleres” di Marga
Corral. Detrás pode haber unha posición de poder claramente
patriarcal de quen considera que esa persoa traballadora debe ser
“castigada por non entrar dentro da súa concepción de
maternidade”.
“É algo que impera no acceso ao
emprego como no mantenemento do mesmo” declara Mónica Rodríguez
cando fala sobre conciliación. “Falamos máis do acceso, porque
teñen prexuízos de que será a muller a que vai ao médico co fillo
ou co familiar, os estereotipos inflúen moito”. As reducións
de xornadas xa están máis normalizadas, aínda que o 75% das
peticións son de mulleres, mais xa vai aumentando o número de homes
que piden redución para coidar os fillos.
DENUNCIAS
As situacións de crise económica e
laboral son contextos onde as situacións de acoso laboral á muller
poden aumentar. Desde o ano 2008, durante os anos de crise o aumento
de casos foi exponencial. Casos, mais non denuncias. Por que non se
denuncia? “Porque non todos os casos que podemos considerar a nivel
ético como acoso, se traduce en denuncias” remarca Marga
Corral.
Desde UGT sinalan que tamén hai
reticencias para denunciar “debido ao temor a represalias ou
despedimento, a desconfianza na propia utilidade de denunciar e a
vontade de esquecer o acontecido” porque son situacións
difíciles de xestionar a nivel psicolóxico. Coa normalización de
certas condutas sexuais, “ás veces pensamos que determinados
comportamentos sexistas son normais, pois nin o son nin teñen que
parecer normais”. Por outra banda, a ausencia de declaracións de
testemuñas impide levar a xuízo a quen acosa.
“Máis do 65% das mulleres non se
atreve a denunciar as situacións de acoso” di Mamem Sabio.
“En ocasións, a empresa en vez de parar ao acosador, castiga a
vítima”. A isto hai que sumarlle a presión psicolóxica que
padece a acosada porque “pensa se terá ela a culpa, tereille dado
pé, ou estarei esaxerando”. E a isto hai que engadirlle “o medo
a que non te crean”.
EXISTE UN PERFIL DE TRABALLADORA
ACOSADA?
“Temos casos de mulleres novas e
mulleres maiores no referente ao acoso laboral” sinala Marga
Corral. Aínda así, nas denuncias por acoso sexual si que hai un
factor predominante “cando a persoa é nova ou comunica que
está atravesando un proceso de separación ou divorcio”. O feito
de acosar a mulleres máis novas e as que están en trámites de
separación ou divorcio, Corral explícao pola sensación de poder
que pode ter quen acosa. Ese poder daríalle “dereito” a
impoñerse ás súas traballadoras.
“As persoas que son máis
vulnerables por circunstancias vitais e personalidade son máis
doadas de acosar” di Mamem Sabio. “Para que isto non suceda o que
se debe potenciar é a prevención no ámbito laboral”. A
prevención, segundo di Sabio, comeza pola sensibilización do
persoal dentro do lugar de traballo e sobre todo, de quen xestiona
Recursos Humanos.
Galicia confidencial
Ningún comentario:
Publicar un comentario