Na Mesa Xeral de Negociación do pasado 10 de decembro, que o goberno municipal convoco para poder levar ao pleno deste martes os orzamentos, ás présas, e sen marxe de negociación, CSIF e UGT demostraron, unha vez máis, que a alianza do Comité de Empresa se traslada ás Mesas de Negociación como apoio incondicional ao goberno municipal mesmo aínda que as propostas non redunden en propostas que minoren as diferenzas salariais entre o persoal laboral e o funcionariado.
O goberno municipal presentou un orzamento que non se compromete a solucionar as discriminacións salariais entre o persoal laboral e o funcionariado e que redunda nas propias discriminacións de aplicación ou non do convenio colectivo ao propio persoal laboral. O mesmo goberno do PSOE que en Madrid defende un SMI de 1000 euros, en Betanzos pensa que os 990 euros que cobra o persoal laboral do grupo V é demasiado para lle pagar ao alumnado-traballador dos obradoiros de emprego, ao que lles aplica o Convenio colectivo para o fondo de acción social, as revisións médicas ou a participación nas eleccións sindicais, mais non nos salarios, porque segundo o asesor xurídico do Concello os traballadores laborais que teñen un contrato co Concello de Betanzos non son persoal desta Administración local.
O presidente Santiago Ois (CSIF) e o vicepresidente do Comité de Empresa José Ángel Montes (UGT) apoiaron un orzamento que pecha a negociación a melloras salariais para o persoal laboral e que destina, segundo os datos ofrecidos polo propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, arredor de 1 700 000 mil euros para os salarios do persoal laboral e outro 1 700 000 mil euros para o funcionariado. De termos en conta que indicou na propia mesa que na actualidade hai 40 funcionarios en activo e 80 laborais en activo, a proporción non está mal, non si? Case se podería dicir que polo salario de cada funcionario traballan dous laborais.
A CIG foi o único sindicato que lle fixo unha serie de propostas de modificacións do orzamento ao Concello, e se este aceptaba apoiaría o documento, non obstante, o goberno de María Barral non aceptou ningunha das propostas da CIG para a a mellora do orzamento do persoal do 2020 que foron as seguintes:
-Inclusión no anexo da totalidade do persoal e aplicación das retribucións do Convenio colectivo a todo o persoal do Concello de Betanzos.
-Aumento das xornadas parciais do persoal que realiza horas complementarias continuamente, segundo o recollido no Convenio colectivo.
-Aclaración dos centros de traballo do persoal de limpeza, logo da privatización desta de varios edificios.
-Homoxeneización das xornadas e días de contratación do persoal docente que traballa no Centro Cultural San Francisco.
-Negociación da partida de produtividade para a súa inmediata distribución.
-Solución dos excesos de xornada e da problemática das horas extraordinarias.
-Renegociación de salarios do persoal laboral para continuar no camiño de eliminación das discriminacións salariais co funcionariado.
O goberno municipal, CSIF e UGT desbotaron estas propostas e aprobaron un orzamento que non só non soluciona ningún dos problemas existentes senón que, ademais, deixa un fondo de continxencia de 225 000 euros para a suposta aplicación dunha futura RPT que aínda vai afondar máis nas discrimacións salariais e que o goberno municipal pretende levar ao pleno nos vindeiros meses. Se ben é certo que o goberno municipal debería convocar de novo a Mesa Xeral de Negociación antes de sometela á aprobación plenaria e de enviala para os informes pertinentes, xa que desde comezos do ano 2019 que se aprobou o documento son varias as sentenzas de indefinición do persoal laboral que obrigan á inclusión das prazas na Relación de Postos de Traballo. Igualmente, durante o ano 2020 son moitos os xuízos pendentes por demandas do persoal laboral derivadas da ineptitude do goberno local para xestionar unha situación irregular derivada de trinta anos de políticas pésimas en materia de persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario