Os diagnósticos de tumores vinculados
ao traballo custan 155 millóns e apenas se recoñecen oficialmente,
segundo un estudo encargado por Sanidade. A miúdo é difícil ou
mesmo imposible determinar a causa exacta dun cancro. Na contorna
laboral, algúns traballadores/as están expostos a certas
substancias que poden contribuír á formación de tumores: dende o
amianto ata a radiación solar. O último estudo sobre este asunto,
presentado no pasado congreso da Sociedade Española de
Epidemioloxía, estima que nun só ano o cancro ocupacional costa ao
Sistema Nacional de Saúde máis de 155 millóns de euros.
O informe, que foi encargado
polo Ministerio de Sanidade e aínda non foi oficialmente
publicado, calcula que en 2015, último exercicio do que había datos
oficiais, producíronse máis de 16.600 ingresos hospitalarios (case
un 4% do total) e máis de 10.100 atencións ambulatorias
especializadas por tumores relacionados co traballo. Estes datos
contrastan co ínfimo número de casos recoñecidos oficialmente: 23,
ese mesmo ano, segundo o sistema Cepross (Comunicación de
Enfermidades Profesionais na Seguridade Social).
Se ben é difícil determinar a causa
dun cancro, tamén o é demostrar que se produciu por unha exposición
ocupacional. Os tumores, de feito, non teñen normalmente unha única
causa, e poden pasar anos ata que se desenvolven e detectan. É por
iso que resulta complicado para un traballador/a relacionar certa
exposición que sufriu no pasado co cancro que padece. O que fai o
estudo para dar coa cifra é unha estimación estatística: cos datos
totais de ingresos hospitalarios por cancro, calcula que porcentaxe
deles teñen relación coa exposición laboral, baseándose na
literatura científica que existe respecto diso.
O problema, en opinión de Manolis
Kogevinas, investigador do Instituto de Saúde Global de
Barcelona, é que no Estado español non existe un sistema para
identificar os tumores producidos por exposicións laborais. “É
imposible identificar todos, pero os datos en España son
escandalosos. Recoñécense aproximadamente un 0,1%, cando noutros
países da nosa contorna, como Alemaña ou Francia, a cifra está
entre o 5% e o 10%”, asegura.
O estudo “Custo sanitario dos
cancros atribuíbles a exposicións laborais en España en
2015”, presentado por Marcos Hernández
Pereña e Montserrat García Gómez no último
congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE)
asegura que ese ano producíronse no Estado 16.671 ingresos
hospitalarios por cancro atribuíble ao traballo (13.282 en homes e
3.389 en mulleres), e 10.114 consultas de atención ambulatoria
especializada (7.618 en homes e 2.496 en mulleres), ambos en persoas
de 25 ou máis anos. O custo sanitario foi de 156,8 millóns de
euros. O 64,2% correspondeu a asistencia especializada; o custo de
farmacia representou o 33,5% e a atención primaria, o 2,3%. O custo
sanitario directo en homes (127,2 millóns) foi 4,3 veces maior que
en mulleres (29,6 millóns). O estudo foi realizado pola Área
de Saúde Laboral do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar
Social.
Este infrarrecoñecemento ten varias
consecuencias. A primeira é que se usan recursos do Sistema
Nacional de Saúde —neste caso das CCAA— para atender uns
tratamentos que, de ser recoñecidos como laborais, debería asumir a
Seguridade Social. Ademais, de que estar recoñecida como enfermidade
ocupacional implicaría outro tipo de prestacións, ou mesmo
indemnizacións por parte das empresas, no caso de que se demostrase
que o tumor se produciu por algunha neglixencia; por exemplo:
traballadores/as que estiveron expostos a determinadas substancias
sen as medidas de protección axeitadas.
Outro efecto é a percepción do
problema. “Se temos unhas ducias de casos ao ano, como sucede
agora oficialmente, non se trata como unha verdadeira emerxencia de
saúde pública; pero se son miles, como os que se estiman, a cousa
cambia. Habería máis políticas para evitalo, máis medidas para
previlo, as empresas terían que implicarse máis”, abunda Kogevinas.
Para recoñecer un cancro como laboral
non é necesario que haxa unha relación causal tácita,
aclara Araceli López-Guillén, médica do Instituto
Nacional da Seguridade Social que traballa xustamente en
identificar enfermidades profesionais. “A clínica dun cancro
de pulmón, por exemplo é igual se o produce o tabaco ou por outra
causa”, relata. Así que a normativa (o Real Decreto 1299/2006), o
que fai é presentar unha listaxe de substancias canceríxenas e un
de profesións que están expostas a estas. Se un traballador/a ten
un tumor e acredita esta relación, debe ser recoñecido como
ocupacional, asegura esta funcionaria. Iso si, a enfermidade sempre
deberá estar expresamente recollida nesa lista.
Como ao longo da vida hai moitos
factores para desenvolver un cancro, hai condutas, exposicións,
factores hereditarios, uns traballadores/as padéceno, outros non…
ao final só determínanse como laborais aqueles casos nos que hai
unha relación clarísima, como é o mesotelioma, que en máis dun
90% dos casos ten como orixe o amianto.
De feito, a gran maioría dos cancros
ocupacionais recoñecidos no Estado español son producidos por
amianto. Dos 23 de 2015, 19 tiñan esta causa; dous debidos ao po de
madeira dura, un ao cromo e un a hidrocarburos aromáticos
policíclicos.
Con todo, as estimacións do estudo
presentado no SEE, non sinalan ao mesotelioma como o que produciu
máis custo ás arcas do Estado. O maior gasto en traballadores homes
correspondeu a cancro de pulmón, seguido de vexiga, colon e, en
quinto lugar, mesotelioma. Nas mulleres correspondeu ao cancro de
mama, mesotelioma en segundo lugar, seguido de pulmón e ril.
Ningún comentario:
Publicar un comentario