A sentenza entende que se vulnerou o
dereito á negociación colectiva
O Xulgado do Contencioso Administrativo
número 2 de Ourense anulou o pasado luns día 2 a modificación da
Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Verín por
vulneración do dereito á negociación colectiva e á liberdade
sindical, estimando o recurso contencioso administrativo interposto
pola CIG.
Esta sentenza supón a anulación de
varios postos que foran creados: un de Técnico/a Informático/a,
grupo A1, cun complemento de destino 26 e complemento específico de
15.067,92 euros; un de Técnico/a de Recursos Humanos, cun
complemento de destino 26 e complemento específico de 16.689,54
euros; dous de Técnicos/as de Xestión Económica, cun complemento
de destino 26 e complemento específico de 16.689,54 euros; e outro
de Enxeñeiro/a Industrial Superior, cun complemento de destino 26 e
complemento específico de 18.851,70 euros.
Alén da anulación deste postos, a
decisión xudicial vai dar lugar á anulación de parte da Oferta
Pública de Emprego (OPE) aprobada polo Concello para o 2019, ao
incluírse na oferta os postos agora anulados polo xulgado.
Na Unión Local da CIG de Verín
sinalan que dende que o Goberno local (PSOE-BNG) incumprira en 2016 o
acordo alcanzado cos sindicatos para a actualización da RPT
municipal e a renovación dos convenios colectivos, as relacións
laborais no ente local non poden ir peor. “Predicar está moi ben,
pero mellor dar trigo; que a un goberno progresista lle anulen os
acordos que adopta por falta de negociación é como para que os seus
socios repensen se se pode seguir a vender progreso a base de
decretazos, como fixo durante anos o PP no Concello”.
Diante disto, ofrécense aos
responsábeis municipais para abrir unha negociación “sincera e
real” sobre as cuestións pendentes de persoal que lle interesan
aos cidadáns/ás e aos traballadores/as municipais. “Se se segue a
bloquear a negociación, será o grupo de Goberno o único
responsábel do que poida vir”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario