A única alternativa
ofrecida até agora ás persoas traballadoras é reducir a súa
xornada laboral a conta de perder ingresos
Ante a inexistencia
dun plan de conciliación que dea resposta ás necesidades derivadas
da crise sanitaria da Covid19, a CIG elaborou unha batería de
propostas dirixidas a garantir a protección da clase traballadora
galega que precisa facer uso destes dereitos, de maneira que as
tarefas de coidados non supoñan unha mingua dos ingresos ou a perda
destes para as persoas que teñen que asumilas. Non cómpre esquecer
que na maioría dos casos os coidados seguen a recaer nas mulleres,
agudizando por tanto esta crise sanitaria, a feminización da
pobreza.
A crise sanitaria
derivada da pandemia da Covid19 puxo máis de manifesto ca nunca a
necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas
públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en
servizos de atención ás persoas.
O Goberno galego e
do Estado español adoptaron medidas urxentes destinadas a frear os
contaxios, mais non adoptaron, paralelamente, disposicións que
garantisen a protección das persoas que se fixeron cargo dos
coidados.
Desde que o 13 de
marzo se decidiu proceder ao peche dos colexios e se imposibilitase o
contacto cos grupos de risco, como as persoas maiores (que en moitos
casos eran quen salvaban a problemática de conciliación), a CIG
solicitou facer uso dun permiso retribuído. Ante a denegación deste
por parte das empresas, as familias foron botando man das poucas
alternativas ofertadas polo Estado. Alternativas que na práctica
pasan case necesariamente pola perda de poder adquisitivo para as
familias, recorrendo á redución de xornada que, en moitas ocasións,
teñen que ser do 100%.
Conciliación
a conta de perder ingresos
Por un lado, no caso
das familias formadas por un cónxuxe que traballa en servizos
esenciais, a outra persoa tivo que facerse cargo das crianzas. Tendo
en conta que na primeira das fases do confinamento a meirande parte
das actividades permitidas eran realizadas por mulleres (residencias
da terceira idade, servizos de axuda no fogar, hospitais e centros de
saúde, supermercados, farmacias, servizos de limpeza, industria
alimentaria), as crianzas tiveron que ser coidadas pola outra persoa
proxenitora, facendo uso das reducións de xornada (mesmo do 100% por
mor da Covid), do permiso retribuído recuperábel ou aproveitando a
situación de ERTE.
Coa reactivación da
produción, xorde a necesidade de incorporación ao traballo e, por
tanto, intensifícase a problemática de conciliación ante a falta
de alternativas de coidado para as crianzas, derivadas do feche dos
centros educativos.
Paralelamente, as
vacacións forzadas, pero especialmente, o teletraballo,
invisibilizaron a problemática de conciliación específica creada
polo feche de escolas e garderías. O teletraballo preséntase como
unha medida efectiva de conciliación da vida familiar e laboral, sen
ter en conta que en moitos casos foi imposto e sen dereitos, e que
tanto o persoal como os fogares carecían de preparación para
realizalo por non contar cos medios nin cun mecanismo de regulación.
A este feito temos que sumar que as persoas con crianzas a cargo
víronse na obriga de asumir un papel docente e de acompañamento na
educación que rematou por multiplicar a dobre xornada para o persoal
que realiza o seu traballo nesta modalidade.
Por outra banda, non
se formularon medidas para casos especiais como os formados por
familias monoparentais, feminizadas na súa meirande parte, as cales
quedaron desprotexidas e sen alternativas para o coidado.
Polo tanto, é
preciso tamén ter en conta o impacto de xénero das medidas
dirixidas á conciliación, dado que en moitos dos fogares que se
acolleron a estas medidas as persoas que ficaron ao coidado das
dependentes son mulleres, e dado que moitas das fórmulas que nós
imos presentar van ter como protagonistas ás propias mulleres, por
seren maioría novamente nos sectores laborais que poden dar resposta
a esta crise.
Garantir a
protección dos dereitos
Tendo en conta que a
situación de confinamento prorrogouse varios meses, presentamos unha
batería de propostas dirixidas a garantir a protección dos dereitos
da clase traballadora.
Como fórmula para
garantir a conciliación da vida persoal, laboral e familiar,
propoñiamos que se accedese á concesión automática das
solicitudes de adaptación e reducións de xornada para o persoal que
precise atender a poboación con necesidades de coidados a cargo,
sexan crianzas ou persoas dependentes. E ao tempo, ténselle que
garantir ao persoal que se veu obrigado a reducir a súa xornada ao
100% uns ingresos mínimos do 30% da súa base de cotización.
Mais somos
conscientes de que aínda que se acometa o proceso de 'desescalada'
en cada unha das súas fases, as medidas de confinamento como o peche
dos colexios vanse prolongar até despois do verán (sen descartar
que durante o mes de setembro ou outubro se retomen máis
restricións). Asemade, todo apunta a que moitas familias non van ter
a posibilidade de gozar das vacacións estivais, dado que en moitos
centros de traballo vai haber un repunte da produción no verán,
polo que os problemas de conciliación agravaranse.
Os Gobernos
deben dar respostas ás necesidades
Esiximos que o
Goberno galego e Estado español artellen fórmulas a curto,
medio e longo prazo, que garantan os dereitos e obrigas de coidado
para a poboación traballadora, dada a inexistencia dun plan de
conciliación que dea resposta ás necesidades existentes ante a
crise sanitaria da Covid19.
Non imos permitir
novamente que se adopten medidas urxentes, como o feche das escolas,
sen que estas vaian acompañadas de dereitos reais que garantan que
as persoas que asumen a tarefa dos coidados nos fogares mingúen os
seus ingresos ou fiquen sen eles. Persoas que son mulleres na maioría
dos casos, agudizando, por tanto, a feminización da pobreza.
Coa intención de
dar resposta a esta problemática, é necesario artellar solucións
que teñan en conta as peculiaridades do noso país, tanto no que
respecta á situación dos núcleos poboacionais, á dispersión
xeográfica ou ao tecido produtivo galego.
Compilamos neste
documento unha batería de propostas dirixidas a garantir a
protección da clase traballadora galega que precisa facer uso dos
seus dereitos de conciliación.
Desde a CIG
propoñemos a adopción das seguintes medidas
1. Estabelecemento
dunha xornada reducida de 30 horas
semanais, que permita exercer as obrigas e dereitos de coidado.
2. Estabelecemento
de xornadas intensivas a combinar entre
cónxuxes.
3. Licenzas
remuneradas para quen non poida asistir ao traballo porque se ten que
facer cargo do coidado de crianzas e persoas dependentes.
Deberá achegarse unha solicitude na que se expoña a imposibilidade
de acollerse ao teletraballo ou de adaptación da xornada laboral. A
empresa seguirá facéndose cargo das cotizacións e a Seguridade
Social pagará unha contía do 75% do SMI para o ano 2020
4. Establecemento
dunha prestación parental (en Alemania
chámanlle Elterngeld) consistente nunha prestación
económica recoñecida ás persoas proxenitoras como compensación do
salario deixado de percibir por causa do coidado das crianzas e/ou
persoas dependentes.
5.
Posibilidade de solicitar o desemprego para aquelas
persoas traballadoras que solicitaron unha redución de xornada do
100% ou unha excedencia por coidado. Este tempo de desemprego
entenderase como non consumido de igual forma que o persoal afectado
polos ERTE.
6. Creación
de servizos colectivos de coidado de carácter público ou
adaptación de edificios e locais existentes destinados ao coidado e
atención das crianzas e da mocidade até os 18 anos. Estas
instalacións combinarán actividades lúdicas con espazos onde
poidan ler, imprimir documentos, realizar tarefas educativas de
repaso, co obxectivo de paliar a fenda dixital e garantir o acceso de
todas as crianzas ás novas tecnoloxías e internet.
A Xunta de Galiza,
mediante o organismo público de ámbito galego que lle corresponda,
correrá a cargo e coordinará cos concellos (ou de ser o caso ás
deputacións provinciais) a prestación directa destes servizos, coa
contratación do persoal necesario e habilitando as partidas
económicas necesarias para garantir unha prestación directa destes.
NO ÁMBITO
RURAL
Reacondicionamento
de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:
a) Adaptaranse
os espazos das escolas unitarias, escolas agrarias,
centros cívicos municipais, casas da cultura, casas da mocidade,
locais de ensaio, ou outras infraestruturas como servizos de atención
ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos
lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao
aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos wifi, con
servizo de impresión de documentos, etc.
b) Garantir a
creación e posta en marcha da rede de Casas niño no
rural naqueles municipios de menos de 5000 habitantes
onde non exista esta infraestrutura.
c) Modificación dos
requisitos do Bono Coidado que permite a
contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado
polos concellos, garantindo este servizo para todas as unidades
familiares que carezan doutro recurso de coidado. Mentres dure a
situación de confinamento e o peche de colexios, poderase facer uso
deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que
poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e abarcar o
horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das
familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono
realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa
proxenitora que solicita o servizo. Para esta situación tampouco
haberá límite de idade.
NO ÁMBITO
URBANO
Reacondicionamento
de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:
a) Adaptaranse as
escolas infantís municipais, centros de día, centros cívicos
municipais, casas da cultura, casas da mocidade, como servizos de
atención ás crianzas ou outras infraestruturas como servizos de
atención ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos
lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao
aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos wifi, con
servizo de impresión de documentos, etc.
b) Modificación dos
requisitos do Bono Coidado que permite a
contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado
polos Concellos, garantindo este servizo para todas as unidades
familiares que carezan doutro recurso de coidado. Mentres dure a
situación de confinamento e o peche de colexios, poderase facer uso
deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que
poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e cubrir o
horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das
familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono
realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa
proxenitora que solicita o servizo. Tampouco haberá límite de
idade.
Todas as medidas
adoptadas levaranse a cabo garantindo en todo momento a protección
da saúde tanto das persoas traballadoras, como das usuarias dos
servizos, debendo cinxirse ás recomendacións das autoridades
sanitarias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario