04/05/20

Constitución do Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos



O pasado xoves constituíuse o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos do seguinte xeito:

Polo Concello: Diego Fernández (presidente), Andrés Hermida (vogal) e Daniel Pereiro(vogal)

Polos traballadores: Alberto Fernández (delegado de prevención/CSIF) (vogal) , Mónica Bóveda (delegada de prevención/CSIF) (vogal) e José Angel Montes (delegado de prevención /CSIF) (secretario) , Silvia Muíño (Sección sindical CIG), Pedro Rodríguez (Sección sindical CSIF)

Por parte da CIG asistiu, ademais o noso asesor de saúde laboral, e comezamos que se só se designaban 2 delegados de prevención en representación do persoal laboral entendiamos que se estaba incumprindo: o artigo 35 da Lei de prevención de riscos laborais e o artigo 55 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, tal e como xa manifestamos no Comité de Empresa correspondente, e que queriamos que constase en acta que se o Comité estaba mal constituído calquera acordo que se tomase podería ser inválido. 

Con respecto a esta cuestión e ante as discrepancias, non só entre a CIF e a CSIF senón pola parte do Concello, acordouse pedir un informe ao respecto para aclaralo. En todo caso, o que resulta incomprensible é esa teima da CSIF e da UGT por quitarlle un delegado de prevención ao persoal laboral, cando realmente e tendo maioría no Comité de Empresa, nin sequera tería porque ser ese terceiro delegado da CIG, tal e como propuxemos nós e como sería xusto en función dos resultados das eleccións sindicais, mais o que está claro é que esa decisión non agocha máis que un sentimento de reducir a representación do persoal laboral en calquera organismo, demostrando que a CSIF a quen defende é ao funcionariado.

Canto ao Plan de continxencia da COVID-19 no Concello de Betanzos que se presentaba no Comité de Seguridade e Saúde, a CIG sinalou que no plan de continxencia faltan os seguintes centros de traballo: cemiterio, CEIP Francisco Vales Villamarín, Centro social da terceira idade, Embarcación municipal, así como distintos postos de traballo en determinados edificios

Na reunión ficou claro que os membros do Comité de Seguridade e Saúde deben ser informados en todo momento das decisións tomadas no Comité de Coordinación e Seguimento da Covid-19 e enviarán as actas con todas as decisións para o noso coñecemento.

Así mesmo, a CIG indicou que se debe elaborar un regulamento ou unhas instrucións que indiquen a quen lle comunican os traballadores que teñen síntomas e como, se hai ou non algún tipo de consecuencia pola non asistencia, xa que no documento fala da non asistencia ao traballo por presentar síntomas, mais tamén por ter estado en contacto con persoas diagnosticadas.

Con respecto á limpeza consideramos que deben especificarse máis os protocolos de limpeza, especialmente nos lugares de máis uso polos traballadores e polo público, ademais, isto debería facerse por edificios, porque non son o mesmo unhas oficinas administrativas que, por exemplo, unhas aulas como as do conservatorio ou a Escola Infantil. Tamén indicamos que no persoal de limpeza non se fixeron quendas, coma nos casos de conserxes, cando hai persoal que está na casa e sempre limpou a mesma persoa en dependencias.

Ficou claro logo desta reunión e con este plan que estamos ante unha nova etapa na que a desinfección de cada espazo de traballo como medida de seguridade pasa porque cada un dos traballadores asuma un papel activo nesta, xa que aínda que a limpeza xeral se reforce isto non exime que cada vez que toquemos unha maneta dunha porta, usemos unha fotocopiadora ou toquemos un espazo común teñamos que desifectalo nós mesmos; o mesmo cos vehículos oficiais que deberán ser desinfectados antes das quendas, ou a recepción de paquetes, cun protocolo específico que consta no Plan de continxencia.

Polo que respecta ás traballadoras de axuda no fogar e mais da escola infantil consideramos que deberían estar encadradas no grupo de exposición de risco porque hai un contacto estreito e non se pode manter a distancia con casos posibles, que ben poden ser asintomáticos. Neste documento o Concello aplica os grupo de risco que existen na actualidade e encaixa aos traballadores do seguinte xeito:

Exposición de risco: ningún traballador

Exposición de baixo risco: auxiliares de axuda no fogar e traballadoras de Servizos Sociais

Baixa exposición ao risco: o resto do persoal

Con respecto a isto, o Servizo de Prevención explicou que aplica o recollido ata o momento e non aceptou que se encaixe outro persoal en “exposición de risco”.

Canto ás medidas organizativas do Plan non se detallan que non se ten en conta a próxima desescalada que xa foi aprobada polo goberno do Estado e que cambiaría algún dos aspectos do plan, xa que proximamente comezarán a abrir os distintos centros de traballo. De feito fálase da recomendación do teletraballo, cando en realidade é unha obriga, mais que se dote ao persoal de xeito oportuno e en igualdade de condicións, non como na actualidade.

Finalmente o plan non se someteu a aprobación e acordouse que se terían en conta algunhas das achegas realizadas no Comité para a mellora e que no momento que estivese a redacción definitiva se enviaría a todos os traballadores e traballadoras por correo electrónico. Tamén se indicou que calquera traballador que tivese calquera dúbida relacionada cos equipos de protección individual podía poñerse en contacto co Concello en calquera momento que llo explicaría por correo ou teléfono.

O concelleiro informou das seguintes medidas que se están a tomar e/ou estudan posibilidade, en función da dispoñibilidade:

-Colocación de mamparas en todas as mesas con e sen despacho cun espazo no interior para o intercambio de documentación.
-Marcación no solo das distancias de seguridade e eliminación de cadeiras nas salas de agarda.
-Hidroalcol en todas as mesas, dependencias e coches municipais.
-Fornecemento de máscaras FPP2, luvas, pantallas protectoras, semimáscaras, buzos antisalpicaduras, batas e máquinas de ozono para a limpeza.
-Realización de test aos traballadores e traballadoras.
-Reforzo da limpeza con desinfección exhaustiva en todos os edificios (por acumulación de tarefas ou empresa)
-Control da entrada nos edificios con indicacións para a hixiene de mans e manter a distancia 
-Previsión temporal de desescalada dos distintos postos de traballo cando se publique no BOE toda a información.

Tamén informou de que non houbo ningún caso positivo entre o persoal municipal.

Na quenda de intervencións a CIG solicitou se cumpra a legalidade vixente na periodicidade das reunións do Comité de Seguridade e Saúde, e que agora máis ca nunca, esteamos continuamente informados.

Así mesmo, solicitamos que na próxima reunión do Comité de Seguridade e Saúde se traten os seguintes temas que levan xa tempo pendentes: aprobación do protocolo contra o acoso laboral, coordinación de actividade preventiva con empresa de limpeza, de xardinaría e axuda no fogar, catálogo de postos que teñen EPI e EPI que se lles facilitaron aos traballadores, nforme sobre as baixas laborais e seguimento do plan de continxencia da Covid-19.

Finalmente a CIG rexistrará estes días máis propostas para o plan de continxencia e solicitará que as medidas de acompañen dunha planfificación da actividade preventiva que as desenvolva e que se concrete segundo os artigos 8 e 9 do RD 39/97 dos servizos de prevención, que deben determinar os prazos de execución e a persoa responsable da súa implementación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario