A CIG vén de facer
público un exceso de xornada de case 70.000 horas nas obras do AVE
en Ourense que suman preto dun millón de euros impagados a operarios
e Seguridade Social, cunha denuncia que motivou que a Inspección de
Traballo de Galiza iniciara actuacións a nivel nacional, xa que as
empresas implicadas pertencen ás catro provincias. Mais estes datos
non poden ocultar a tráxica realidade humana que se vive nestas
obras. Relatamos algúns testemuños directos recompilados pola
central nos que se constatan as condicións de escravitude,
explotación e falta de seguridade laboral que viviron os
traballadores e as consecuencias económicas, sociais e psicolóxicas
que seguen a padecer.
Varios destes
operarios expresaron o seu temor a represalias, e a que o seu
testemuño poida afectar a súa futura empregabilidade no sector,
polo que en varios casos modificamos certos aspectos sensíbeis que
poderían facilitar a súa identificación por parte das empresas.
Xurxo é un
traballador galego que estivo moi pouco tempo na obra, mais que foi
suficiente para sufrir a situación descarnada que se producen nestas
obras. “Traballamos metendo travesas sen parar dende as 8 da mañá
até as 9 ou as 10 da noite, até que eles che mandaban parar; nese
tempo estabamos sen comer ou ben comiamos dentro do túnel, case sen
parar, un bocata que che daban alí”.
En ocasións
permitíanlles ir comer ao hotel no que se aloxaban, “pero
descontábanche unha hora” de traballo do seu soldo. “Ao final
botabas todo o día traballando coma un escravo, cos encargados
berrando e insultando todo o tempo”. No seu caso a situación durou
pouco porque “no momento que protestas ou algo, chamada inmediata á
oficina e para a casa”. Mais isto non significaba que rematasen os
problemas. “Cando me botaron déronme de baixa voluntaria por non
presentarme ao choio, así que nin cobrei a indemnización nin
sequera tiven dereito ao paro”.
Ahmed é un operario
magrebí que vén de formar unha familia en Galiza. Ao pouco de
asinar o contrato para as obras do AVE e tras traballar uns días, de
repente deixaron de contar con el. “Cando preguntei por que non me
chamaban para traballar dixéronme que uns tipos que xa me coñecían
de antes lles foran dicir á empresa que eu estaba afiliado á CIG, e
que en obras anteriores reclamara os nosos dereitos”. Desde entón,
hai xa seis meses, non o volveron chamar.
Xoán é un técnico
galego que estivo durante varios meses ocupándose de aspectos
loxísticos da obra, até que decidiu marchar da empresa. “O que
vivín alí era un pesadelo, o que lle fan a eses traballadores é
tal cal, senón peor, do que conta a CIG na súa denuncia”. Tanto é
asi que Xoán está desde entón sometido a tratamento psicolóxico.
“Consecuencia desa obra desenvolvín un trastorno depresivo co que
sigo pelexando a día de hoxe, e non son o único".
Non había auga nin
para facer a masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos
lavabamos; levantei a arqueta e había excrementos
Xulio é un dos
varios operarios que contactou coa CIG para denunciar, entre outras
cousas, a falta de auga potábel nas obras. “Pedímola unha e outra
vez, pero non nos fixeron caso; non había auga nin para facer a
masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos lavabamos; esa
auga viña dun rexistro próximo; unha vez levantei a tapa desa
arqueta e había excrementos humanos dentro”.
Xaime, transportista
que tamén prestou servizos nesta obra, corrobora esta versión
contando que “cando chegabas alí moitos operarios achegábanse ao
camión para preguntarme se tiña auga potábel, era
terceiromundista”.
Xulio e o seu equipo
de compañeiros sentiuse enganado. “Mentíronnos nas condicións de
xornada, e de feito empezamos sen contrato nin EPI, así que
marchamos para casa”. Mais volveron chamalos e volveu traballar,
até que sufriu un accidente, e un enfrontamento cun encargado de
quenda que lle tirou unha pedra, e marchou definitivamente da
empresa. “Facíamos 12 horas, moitas veces de madrugada, e nin nos
pagaban as nocturnidades. Para cobrar sempre dependías do que
decidía apuntar o encargado nos seus partes de horas; se te levabas
mal con el, esquécete. Aínda a día de hoxe non firmei ningún
papel.”
Outro grupo de
operarios magrebís desta obra acudiron á CIG porque a empresa se
negaba a darlles a roupa e as botas de traballo, pretendendo que as
pagaran do seu propio peto, polo que decidiron deixar de acudir ao
traballo. Nese intre a empresa tentou argallar unha baixa voluntaria,
só impedida pola intervención directa do responsábel da FCM-CIG na
comarca, que logrou arrincar da empresa o compromiso de entregarlles
a roupa de traballo, os EPI e reincorporalos á obra de inmediato.
Traballar
con medo
Manolo é un chofer
sudamericano que prestou servizos no túnel de Cerdedelo, que foi
precisamente o paralizado pola CIG en 2018 para denunciar a
explotación e a mortalidade nestas obras. “Traballabamos 12
horas mínimo, de 8 a 8, de día ou de madrugada, máis a hora e
media que nos levaba chegar ou marchar da obra”. El e o seu equipo
tamén comeron bocatas todos os días, durante uns meses moi duros
nos que apenas puido ver a familia que acaba de formar. “Tiña que
saldar unha débeda que contraín como autónomo, e iso era o que
tiña mentres non me chamaran para traballar noutro sitio”.
Manolo asegura que
“traballamos con medo; os dumpers ían pola obra coma se fose unha
autoestrada, e moitos choferes bebían e até se drogaban diante
nosa”. No interior dos túneles as condicións eran durísimas,
pola calor do verán e polo frío no inverno. “Traballabamos coa
auga polos xeonllos, cun ruído estremecedor, sobre todo cando facían
as voaduras; sentías vibrar a terra antes sequera de chegar o son
coma un terremoto, e logo todo era fume, eu non vía a luz rotativa
laranxa do camión a un metro”.
Todo por 1200 euros,
pensión e coche. Mais o problema seguiría despois con Facenda. “A
empresa só me retivo o 2%, e con varios pagadores, a Renda saíume a
pagar case 1000 euros”. Manolo xa non aguantou o inverno, pero
varios ex compañeiros relatáronlle como, por falta de quitaneves ou
rodas especiais, “os camións baixaban cargados con máis de 10m3
de material, literalmente deslizándose coma un xabón por pendentes
con máis dun 30% de inclinación”.
Roberto foi
despedido por reclamar o que lle adebedaban. Logo de traballar uns
meses na obra realizando traballos de cableado, sobre todo de noite,
interesouse por se a empresa lle ía aboar as nocturnidades. Tras de
bastante tempo de promesas e esperando para cobrar, ao ver a nómina
descubriu que non. No momento que levantou a voz para protestar ante
esta situación foi inmediatamente despedido.
Sen medidas
de seguridade
Hai xa 3 meses que
Pedro marchou dunha das subcontratas de Ferrovial. “Nunca
traballamos menos de 10 horas e non nos pagaban as dietas nin as
horas extras, pero eles si llo facturaban aos clientes”.
Obrigáronlles a asinar os partes de 8 horas para poder entrar na
obra e logo pagáronlles a metade do que lle correspondía. “Xa nos
deixaron claro que non poderíamos reclamar porque firmáramos 8
horas, así que quedáronse cos nosos cartos”.
Sobre o absoluto
desinterese da empresa polos seus obreiros, Pedro refire que “nin
sequera tiñamos ferramentas. A veces nin non nos ingresaba a nómina
normal, e aínda que protestaras non che facían nin caso; ao final
tiña que chamar eu a Madrid [onde está domiciliada a empresa] para
que me pagaran”.
Pedro alerta dos
graves riscos para a saúde que lles ten provocado a actitude da
empresa. “Tiñamos firmado que roupas nos ían dar, e cando chegou
o inverno pedímoslle á empresa a roupa de inverno pero negáronse a
nola dar. Traballamos varios días mortos de frío.” Así mesmo, a
ausencia dos EPI era unha constante: “Iamos entubar sen arneses de
seguridade, liñas de vida, nin redes, literalmente suspendidos sobre
o baleiro. A xente andaba sen casco e ninguén dicía nada, non me
explico como non houbo máis mortos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario