08/05/20

O Concello de Betanzos abre este luns a biblioteca e o cemiterio sen informar ao persoal sobre o plan de actuación preventiva, as medidas de seguridade, os protocolos específicos de atención ao público ou a descontaminación

Tal e como informa o goberno municipal na páxina web, ten previsto abrir este luns a biblioteca municipal e mais o cemiterio, xusto un dos espazos de traballo que nin sequera aparecía no Plan de continxencia da Covid-19 que o goberno levou ao Comité de Seguridade e Saúde do pasado xoves.
A CIG xa advertiu daquela que era un plan inconcreto e no que faltaban lugares e espazos de traballo e o goberno indicou que se corrixiría e enviaría ao persoal mais a sorpresa foi máxima cando o persoal dos departamentos que non son esenciais se ten que incorporar ao traballo presencial co descoñecemento más absoluto das medidas de prevención que debe adoptar no seu posto de traballo e sen ningún tipo de coñecemento previo dos protocolos que debe seguir antes de abrir o local ao público, tal e como parece que pretende facer o goberno de María Barral.
Todo isto sen ter en conta que o decreto dos servizos mínimos non se modificou, o estado de alarma segue vixente e o Concello nin sequera aprobou un plan para a reincorporación ao traballo presencial dos empregados municipais e descoñécense as fases para a reincorporación ao traballo presencial e as condicións deste para os distintos servizos públicos.
A CIG, logo de relatar todos as cuestións que considera que o Concello debería rectificar antes de abrir ao público infórmao de que lle trasladrá á Delegación do Goberno ou á Inspección de Traballo calquera feito que considere que comporta un risco para a saúde dos traballadoras e traballadoras, e solicitoulle o seguinte:
PRIMEIRO. Que o Concello informe aos delegados sindicais, ao Comité de Seguridade e Saúde e aos traballadores e traballadoras afectadas das medidas preventivas específicas e os protocolos concretos necesarios para a reincorporación do persoal municipal ao traballo presencial no cemiterio e na biblioteca.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos corrixa o Plan de continxencia da Covid-19 e corrixa os erros sinalados na reunión do Comité de Seguridade e Saúde do pasado 30 de abril, e inclúa a totalidade dos postos e lugares de traballo, e que, así mesmo, especifique as medidas para adoptar e as acompañe da planificación da actividade preventiva que as desenvolva e concrete segundo o artigo 8 e 9 do Real decreto 39/97.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos informe do plan de reincorporación ao traballo presencial da totalidade dos postos de traballo aos delegados sindicais, ao Comité de Seguridade e Saúde e a todos os traballadores e traballadoras, que inclúa as fases, as medidas preventivas, cos mecanismo de información, as medidas de protección individual e colectiva e de reoganización do traballo, así como do acceso aos edificios da cidadanía, a coordinación das actividades empresariais e o período de vixencia.

A representante da CIG dirixiulle o escrito ao Concello de Betanzos e ao Comité de Seguridade e Saúde para que ambos organismos teñan coñecemento da situación e tomen as medidas necesarias no asunto para que a reincorporación ao traballo se realice nas condicións necesarias para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o seu traballo sen risco para a súa saúde, aínda máis en instalacións frecuentadas polo público que, de non adoptaren as medidas oportunas, poderían supor tamén un grave risco para a cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario