A CIG do Concello de Betanzos vén de rexistrar unha nova petición para que o goberno municipal reúna de novo a Mesa Xeral de Negociación logo de demasiados meses de parálise.
Entende que a escusa da situación de pandemia actual non debe ser un motivo máis para non avanzar nas negociacións pendentes e que é hora de que o goberno do PSOE dea un paso adiante para negociar moitos dos temas que están pendentes como a implantación do teletraballo, a negociación dos criterios de reparto da produtividade, as bases xerais dos procesos selectivos, a aplicación do incremento salarial dos orzamentos ou a regulamentación do sistema de control de presenza no traballo. Tamén resulta moi importante actualizar o protocolo de reincorporación aos postos de traballo, que na actualidade está moi desfasado, así como regular determinadas casuísticas que se dan na actualidade debido á situación de pandemia.
A maiores, o Concello de Betanzos tamén debe reunir a Mesa Xeral de Negociación para a modificación da proposta de RPT aprobada inicialmente e a inclusión, como mínimo, das prazas nas que se declarou a indefinición, así como a negociación das condicións de inclusión e valoración deses postos xa existentes e non incluídos. O feito de que o Concello de Betanzos demorara durante anos a aprobación desta RPT supuxo que moitos traballadores e traballadoras que denunciaran a fraudulencia no momento inicial da negociación desta ao ser coñecedores de que o goberno de María Barral quería excluír os seus postos e propicio que hoxe, varios anos despois haxa moitos postos que non aparecen nese documento aprobada inicialmente mais si que contan con sentenza de indefinición.
Dito isto, desde a CIG sempre defendemos que a eliminación dos postos da RPT independentemente da existencia de sentenzas ou non, é un castigo do goberno municipal que paga co persoal máis vulnerable, o persoal laboral temporal, o que ten as peores condicións laborais e salariais coa única finalidade de beneficiar a unha parte pequena do funcionariado, que xa tradicionalmente tivo unhas condicións laborarais mellores que as dos traballadores e traballadoras laborais neste Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario