A CIG vén de gañar sete novos xuízos de indefinición que estiman as demandas presentadas polo traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos e que condenan á Administración local por prácticas fraudulentas. O Xulgado do Social da Coruña estimou a totalidade das demandas presentadas, a pesar da oposición do goberno municipal ás reclamacións dalgúns traballadores vinculados á Confederación Intersindical Galega nun claro intento de represión sindical que resultou fallido.
O goberno betanceiro de María Barral incumpriu o comprometido nas mesas xerais de negociación e opúxose á reclamación de indefinición de certos traballadores, como a propia representante da Sección sindical da CIG. Discriminou e distingiu deliberamente entre os traballadores cunha postura contraria á reclamación da indefinición en casos similares mais con persoas diferentes e demostrou a volta ás prácticas máis antidemocráticas que marcaron os primeiros anos do percorrido da CIG neste Concello.
A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valora de xeito moi positivo estas novas sentenzas mais segue lamentando que sexan os traballadores e traballadoras quen teña que acudir ao xulgado e pagar as consecuencias da nefasta xestión do persoal laboral deste Concello coa exclusión da nova Relación de Postos de Traballo dunha grande parte do cadro de persoal laboral. Lamenta, así mesmo, que o Comité de Empresa non presentase alegacións á Relación de Postos de Traballo e que o presidente do Comité (CSIF) non se opoña publicamente a un documento que divide, discrimina e crea un grave conflito laboral neste Concello.
Agora o Concello de Betanzos deberá reunir a Mesa Xeral de Negociación de novo para incluír as prazas na Relación de Postos de Traballo e modificar o documento inicialmente aprobado. A maiores, ten pendentes de resolver as alegacións que presentou a propia CIG e múltiples traballadores tanto laborais como funcionarios que lle desmostraron ao goberno municipal a súa oposición a un documento aprobado exclusivamente co apoio da CSIF e que afonda nas discriminacións históricas existentes nesta Administración local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario