07/10/20

As múltiples escusas do goberno municipal ante a Inspección de Traballo para non negociar os criterios de reparto do complemento de produtividade

Desde hai varios anos a CIG venlle reclamando ao goberno de María Barral a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade que vén recollido nos orzamentos do Concello e no artigo 29 do Convenio Colectivo.

A negativa á negociación acumula xa case dous anos desde a Mesa de Negociación na que se lles deu aos sindicatos un prazo para presentaren propostas para esta regulación. A actitude do goberno municipal que atrasou constantemente esta negociación agochaba o pagamento en exclusiva de case o 70% da partida de 10000 euros para unha praza concreta. O propio concelleiro de Persoal Diego Fernández, e logo da pregunta da CIG na Mesa de Negociación na que que parecía que o resto dos sindicatos estaban de acordo con este reparto exclusivo a unha persoa, achegou o decreto mediante o cal María Barral decidía utilizar unha partida de persoal ao seu propio criterio mentres dilataba a negociación dos criterios de reparto desta produtividade para a totalidade do persoal municipal.

Logo de moitas solicitudes, reunións e voltas a finais de 2019 a CIG decidiu informar á Inspección de Traballo provincial que o Concello de Betanzos estaba incumprindo o Convenio colectivo do persoal laboral no seu artigo 29 xa que se negaba a fixar os criterios de reparto, á vista de que non parecía que houbese solución para o tema e que o goberno municipal teimaba en repartilos sen uns criterios obxectivos, transparentes e de coñecemento para a totalidade dos traballadores e traballadoras do Concello.

A inspección de traballo provincial concluíu que o Concello non desenvolveu esta negociación cos representantes dos traballadores nin sequera no ano 2020 e que esta se debe levar a cabo. Aínda así, o informe da actuación inspectora recolle as múltiples escusas do goberno municipal para non negociar este complemento durante varios anos e repartilo ao seu antollo e sen uns criterios negociados. Transcribímolas aquí para que quede claro que o goberno municipal o único que quixo foi dilatar esta negociación para seguir facendo o que lle petaba con eses cartos:

Escusa 1: Os criterios íanse negociar logo das eleccións sindicais de 2019

MENTIRA: Esta negociación vén xa de finais de 2018, e recollida no Convenio e no acordo de 2017, non había que agardar 2 anos polas eleccións sindicais para decidilo.

Escusa 2: A Mesa Xeral de Negociación constituíse o 10/12/2019 e con motivo da Covid-19 as negociacións víronse atrasadas.

MENTIRA. Entre a Mesa de Negociación e o inicio do estado de alarma pasaron 3 meses e o goberno municipal nunca amosou intención de negociar esta produtividade a pesar das solicitudes.

Escusa 3: Co Estado de Alarma as negociacións atrasáronse, están a retomar estas e van levar ao próximo pleno os criterios de reparto do complemento de produtividade.

MENTIRA. O Estado de Alarma finalizou hai 3 meses, a resolución da Inspección de Traballo é de comezos de agosto, por tanto o goberno municipal non retomara en agosto nin retomou na actualidade ningún tipo de negociación sobre a produtividade e obviamente esquivou á Inspección ao dicirlle que levaría ao próximo pleno esta negociación cando nin sequera convocou ningunha Mesa de Negociación sobre o tema a 7 de outubro, nin moito menos o levou a un acordo plenario.

A conclusión é que o goberno municipal pode contarlle o que queira ao inspector de traballo que os feitos demostran o seu nulo interese nesta negociación para poder seguir repartindo como lle pete a partida orzamentaria da produtividade.

A CIG, pola súa parte, solicitará unha última vez que o Concello de Betanzos lle dea cumprimento ao requirimento 15/0012829/19 da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña e non o facer acudirá de novo a informar á Inspección de que o Concello non cumpre o acordado no Convenio colectivo nin aínda que a propia actuación inspectora lle indique que así o debe facer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario