06/04/21

O Concello de Betanzos leva case un ano sen convocar o Comité de Seguridade e Saúde en plena pandemia

O Concello de Betanzos leva moitos anos teimando en vulnerar a Lei de prevención de riscos laborais no que ten a ver coas convocatorias do Comité de Seguridade e Saúde laboral, o organismo que se debe reunir cada tres meses reuniuse en tres ocasións nos últimos catro anos. A última delas no pasado mes de abril de 2020, na que se constituíu de novo e desde o que non volvemos saber nada máis que as novas dos delegados de prevención de riscos laborais da CSIF e UGT para que os todo debe funcionar marabillosamente ben.

Hai que lembrar que na última reunión o sindicato dos funcionarios optou por roubarlle un delegado de prevención de riscos laboais ao persoal laboral que sempre tivera tres en función do número de traballadores ata que a CSIF decidiu que eran moitos para preocuparse da prevención de riscos e que mellor se reduciran a dous.

Independentemente do desinterese dos actuais delegados de prevención pola seguridade e saúde laboral neste Concello a CIG considera gravísimo que o Concello de Betanzos non reunise durante un ano de pandemia o Comité de Seguridade e Saúde nin cada tres meses, nin cada seis, nin cada nove, porque xa levamos once meses agardando por esa convocatoria.

A situación agrávase se temos en conta que nese Comité de Seguridade e Saúde aprobouse un plan de continxencia con múltiples eivas que non foi actualizado en nin unha soa ocasión durante o último ano con todo o que cambiou a lexislación e o coñecemento sobre a transmisión do virus nesta situación de pandemia. 

A CIG viuse na obriga de advertirlle, unha vez máis, ao goberno de María Barral, de que se non realiza a convocatoria proximamente lle comunicará á Inspección provincial os continuos incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral, logo de realizar esta petición en reiteradas ocasións nos últimos meses sen que haxa unha convocatoria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario