03/09/12

A CIG presentou en agosto dous recursos de reposición con respecto aos dous procesos de selección de persoal convocados polo Concello

No pasado mes de agosto, e uns días despois de que o Concello publicase no BOP as convocatorias de dúas prazas con carácter temporal de técnico/a de orientación laboral e de auxiliar administrativo/a do Departamento de Servizos Sociais, a CIG presentou dous recursos de reposición con respecto aos procesos selectivos que adoecen de diversas contradicións nas súas bases e mesmo varias irregularidades. Con respecto a isto, tal e como xa aconteceu o ano pasado con respecto a un proceso selectivo semellante, a CIG presentou dous recursos de reposición e solicitou que se modificasen as bases das dúas convocatorias sen resposta do Concello até o momento.

Recentemente, a pesar de non ter publicado na web municipal as propias bases o Concello publicou a listaxe provisional de persoas admitidas para a praza de técnico/a de orientación laboral e mais a composición do tribunal de selección, información desaparecida hoxe mesmo da páxina web municipal, que foi relevada polo resultado da valoración do concurso, que podes consultar aquí. Hoxe mesmo, a CIG solicitou que se modificase a composición do tribunal por incumprir o artigo 60 do Estatuto Básico do Empregado Público. Nos vindeiros días, e no caso de que o Concello continúe facendo caso omiso ás reclamacións feitas polo sindicato con maior representatividade neste Concello, a CIG acudirá unha vez máis á xustiza ante un Concello que ignora completamente aos representantes dos traballadores  e non é quen de facer unha convocatoria de emprego público ao xeito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario