22/09/12

O Concello teima en ocultarlle información á CIG

Nos pasados días os delegados da CIG achegáronse ata a Tesouraría municipal para ver toda a documentación relacionada co orzamento aprobado inicialmente, uns días antes solicitamos por rexistro toda a documentación relativa ao Capítulo I do orzamento, a Relación de Postos de Traballo e o Plan de Emprego. 

A día de hoxe e a unha semana de que finalice o prazo de alegacións o Concello non facilitou a documentación solicitada e é que, como puidemos ver no expediente do orzamento, hai máis documentación  da que non tiñamos coñecemento e que resulta interesante para intentar "descifrar" os documentos que o Concello entregou a dous días da Mesa Xeral de Negociación e sobre os que non se deu unha explicación polo miúdo das múltiples mudanzas que aparecen reflectidas na Relación de Postos de Traballo. Entre esta documentación do expediente aparecen varios informes da Intervención municipal mais botamos en falta un da Secretaría que se nomea ao inicio da Memoria do Plan de Emprego asinada polo concelleiro de Persoal e que parece ser que é o que propón a reorganización de efectivos logo dunha análise da situación de todos os postos de traballo do Concello.

Dende o CIG solicitamos por rexistro unha copia do devandito informe da Secretaría municipal posto que consideramos que está relacionado co expediente do orzamento, debido a que o Plan de Emprego se quere levar a cabo con base a ese informe, e ademais sería de moita ultilidade para coñecer a situación laboral e contractual real de todo o persoal laboral do Concello, xa que a pesar de levar moito tempo solicitada, o Concello non foi quen de facilitar unha listaxe de todo o persoal laboral e o tipo de contrato ao que está suxeito. O certo é que sospeitamos, logo de falar con moitos traballadores, que entre un setenta e oitenta por cento do persoal laboral deste Concello ten un contrato en fraude de lei e poñer en evidencia iso non faría máis que demostrar a desastrosa política laboral da historia deste Concello e o escaso traballo de asesoramento pola parte técnica nesta materia que permitiu que a día de hoxe haxa traballadores que teñen un contrato por obra ou servizo dende máis de hai vinte anos.

En todo caso, o feito de non facilitar a documentación aos sindicatos, así como unha clara intención de non negociación na Mesa Xeral e todo unido a unha Relación de Postos de Traballo carente do máis mínimo criterio van acrecentando o malestar existente entre os traballadores que traducirá en alegacións que se presentarán ante o pleno e contra unha Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal pretende impoñer pola forza e que sen dúbida ningunha non vai redundar nun mellor funcionamento da Administración local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario