13/09/12

Última Mesa Xeral de Negociación

O pasado 27 de agosto tivo lugar a última Mesa Xeral de Negociación convocada polo Concello cun único punto da orde do día relativo ao complemento de prestacións en supostos de incapacidade temporal ao abeiro do Decreto 20/2012 que indicaba que as administracións públicas, no prazo de tres meses posteriores á publicación do devandito Decreto-lei, poderían determinar os supostos excepcionais e xustificados nos que se podería completar ata o 100% da incapacidade temporal. 

 A reunión da Mesa Xeral de Negociación asistiu a CIG e o CSIF con asesores, da UGT simplemente asistiu a representación e CCOO nun alarde máis de pouca vontade de defender aos compañeiros que os votaron e poñerse de parte do Concello que vén demostrando no último decidiu nin sequera asistir. O texto presentado polo Concello tiña varias deficiencias, a xuízo da CIG, e por iso fixemos unha proposta clara de modificación e mellora de varios puntos que foi aceptada polo goberno municipal e o resto de sindicatos presentes. 

A pesar de non haber nin sequera un punto onde poder expresar o malestar os sindicatos co Concello polo acontecido nos últimos tempos a CIG incidiu en que o Concello erra en todas as convocatorias de Mesa Xeral no procedemento, e fíxose fincapé en que dende a primeira Mesa convocada en febreiro non puidemos ver unha soa acta, o que imposibilita ter constancia dos acordos adoptados e copia dos asuntos tratados, neste punto o CSIF concordou nos erros de procedemento. Ademais o propio alcalde admitiu que con respecto á RPT que está en curso non haberá ningunha modificación e que os representantes dos traballadores poderían facer as súas achegas mais de cara a vindeiros orzamentos. 

Dende a CIG informamos de que se todo este despropósito seguía para adiante a RPT tería alegacións pola nosa parte e acudiriamos aos tribunais se fose preciso porque os problemas hai que amañalos dende que xorden e non esperan que se cumpran as promesas do goberno, e moito menos deste que ten demostrada unha alta porcentaxe de pouca fiabilidade á vista do vivido nos últimos tempos. Xa nin curioso resulta que a UGT nin se pronuncie ao respecto porque os feitos levan meses demostrando que cando chega a hora da verdade cala a boca e fala das vontades dunha Relación de Postos de Traballo ateigada de irregularidades e que segue a distinguir entre traballadores de primeira e de segunda, algo totalmente inaceptable e inasumible pola CIG do Concello de Betanzos.

As propostas achegadas pola CIG parece ser que foron incorporadas ao texto final que se aprobou no pleno do 28 de agosto, e dicimos parece ser porque a pesar de ter solicitado este texto final relativo aos casos de incapacidade, o Concello non foi quen de entregarllo nin sequera aos representantes sindicais asistentes á reunión tres semanas despois e cando mesmo cando desde a CIG ata o solicitamos por rexistro e seguimos sen resposta. En canto nos acheguen a información trasladarémoslla aos compañeiros, tal e como informamos na asemblea do pasado día 10.

Ningún comentario:

Publicar un comentario