07/07/15

Comunicación do Comité de Empresa ante a situación do servizo de limpeza do Concello de Betanzos

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, na reunión extraordinaria mantida hoxe acordou iniciar unha serie de accións contra o desmantelamento do servizo de limpeza, a primeira delas, poñer en coñecemento de todos os partidos con representación no Concello a gravísima situación pola que está a pasar este servizo público de cara a solicitar o apoio para levar a cabo as medidas necesarias para lle dar continuidade nas mellores condicións posibles. 

O texto non fai máis que describir e denunciar a situación de precariedade do servizo logo da non cobertura de baixas, xubilacións e despedimentos, mais foi aprobado por catro votos a favor e unha abstención do representante da UGT no Concello, que teima en defender as irregularidades e pretendía que no texto se ocultase información sobre a situación real dos efectivos de limpeza de edificios. Non obstante, tal e como anunciamos, desde a CIG seguiriamos para adiante coas accións que consideramos oportunas e entendemos que todos os partidos con representación deben ter coñecemento da situación de desmantelamento do servizo de limpeza.

O comunicado enviado esta mesma tarde pola presidenta do Comité de Empresa ao PSOE/PP/BN/BNG e CXG é o seguinte:


En nome do Comité de Empresa do Concello de Betanzos e por acordo tomado na reunión extraordinaria que tivo lugar o 7 de xullo de 2015 no Centro de Formación Ocupacional dirixímonos ao PSOE/PP/BN/BNG/CXG para transmitirlle a nosa preocupación polo desmantelamento do servizo de limpeza do Concello de Betanzos que está composto na súa inmensa maioría por persoal laboral.

Esta situación leva un tempo sendo crítica e agravouse nos últimos tempos, especialmente nas pasadas semanas cos despedimentos de varias compañeiras, as baixas en aumento polo exceso de carga laboral en moitos casos e a modificación indiscriminada de condicións laborais sen cumprir os prazos de preaviso reflectidos na lexislación nin notificarllo nin comunicarllo aos representantes dos traballadores afectados por tales modificacións, é dicir, ao Comité de Empresa.

Na actualidade o Concello só conta con tres traballadores de limpeza de edificios para os seguintes locais: CEIP Francisco Vales Villamarín e aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, Escola Infantil Municipal e Conservatorio López García-Picos, Biblioteca e Arquivo Municipal Castelao, Museo das Mariñas, Oficina Municipal de Información Xuvenil e Aula Cemit, Oficinas Xerais do edificio Liceo, Oficina de Turismo, Local social da Terceira Idade, Oficinas da Policía Municipal, Casa do Concello, Oficinas de Servizos Sociais e Centro de Formación Ocupacional. Tema a parte é a distribución do traballo de limpeza, con claros indicios de discriminación no reparto da carga laboral, que na actualidade conta cun só traballador para o CEIP Francisco Vales Villamarín, unha traballadora para Escola Infantil Municipal e Conservatorio e finalmente unha outra que ten asignada a limpeza das outras trece dependencias.

Neste último caso é especialmente grave a situación non só pola asignación de trece dependencias e a desproporcionada carga laboral que iso supón senón porque esa traballadora tiña concedida unha conciliación laboral e familiar por resolución da Alcaldía que lle deixaron de aplicar dun día para outro ao modficarlle mediante unha orde verbal o lugar e horario de traballo e partirlle a xornada de xeito que claramente dificulta a conciliación concedida con anterioridade. Este tipo de modificación das condicións laborais incumpre claramente o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores e vulnera os dereitos do persoal, para alén de que a propia situación redunde claramente nunha sobrecarga laboral que as baixas existentes neste servizo de limpezo demostrar que é insostible.

A situación a día de hoxe é completamente precaria logo 2 despedimentos, 4 baixas non cubertas, 3 xubilacións sen reposición de efectivos e 1 traballadora de limpeza destinada a outras funcións. Na actualidade hai unha listaxe de substitucións vixente da que o Concello debe facer uso, mais recentemente e no canto de botar man desta, contratou a unha empresa para a limpeza dos edificios, iniciando o camiño da privatización de costas ao Comité e entendemos que a todos os outros partidos da oposición. Esta decisión é completamente inaceptable para este Comité de Empresa porque consideramos que vulnera o propio procedemento da Administración local para a contratación de persoal, toda vez que foi o propio Concello o que decidiu abrir unha listaxe para substitucións que a día de hoxe está vixente porque non se publicou ningunha disposición en contra. Esta ferramenta é a máis inmediata para solucionar o problema de efectivos da que o Concello pode botar man, e así o está a facer noutros servizos, como é axuda a domicilio, onde mesmo as vacacións das traballadoras están a ser cubertas na actualidade ao abeiro da listaxe de substitucións, o que demostra claramente que esta non só é unha vía que pode tomar o Concello senón que mesmo o está a facer para cubrir as vacacións doutros servizos.

Foi o alcalde a 1 día de constituírse a actual corporación o que asinou os despedimentos de dúas compañeiras contratadas para limpeza do aulario e as preavisou con tres días e sen nin sequera reunirse coas compañeiras afectadas. Durante meses non lle aclarou ao Comité que pasaría con estes postos logo as eleccións cando é obvio que o tiña claro e xa o propio Comité advertira cando as contrataron que os contratos, en presunta fraude de lei, poderían levar a unha reclamación xudicial no momento en que decidisen rescindir o contrato, tal e como finalmente pasou.

Á vista de todo o relatado solicitamos o apoio de todos os partidos que forman parte da corporación para que se manteña o servizo de limpeza e a xestión directa deste por parte do Concello de Betanzos como servizo público e non se externalice e privatice este servizo. Para isto é preciso non deixalo esmorecer e cubrir as baixas e vacantes necesarias para que o servizo poida ser prestado en condicións por traballadores municipais e non se sobrecargue de traballo ao persoal como se vén facendo na actualidade, do contrario estaríase favorecendo a privatización e a externalización para solucionar unha situación causada polo propio goberno municipal logo de anos sen solucionar os problemas de falta de persoal deste servizo esencial e básico no Concello de Betanzos.

Betanzos, 7 de xullo de 2015

Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

Ningún comentario:

Publicar un comentario