As compañeiras despedidas veñen de presentar antes o Concello en tempo e forma as reclamacións correspondentes solicitando a improcedencia dos despedimentos que o Concello levou a cabo na segunda quincena do pasado mes.
A necesidade deses postos de traballo non só está xustificada pola urxencia da creación das prazas ao inicio do pasado curso senón porque logo do despedimento das compañeiras o Concello enviou a unha traballadora de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín a cubrir parcialmente o seu traballo, o que demostra claramente que a obra ou servizo non finalizara, tal e como defende o Concello para as despedir. A maiores, desde a CIG entendemos que a limpeza dun centro de ensino é un servizo básico que non finaliza a non ser que o centro peche, e para nada foi o caso, porque ata onde sabemos o aulario segue e seguirá funcionando.
Desde a Sección sindical da CIG censuramos a forma de actuar do Concello de Betanzos nestes despedimentos e queremos amosarlle o noso total apoio ás compañeiras afectadas, ademais de agardar que estas reclamacións se resolvan de xeito favorable para as traballadoras afectadas, tal e como sería de xustiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario