Onte o Concello convocara a Mesa Xeral de Negociación pola creación dunha bolsa de emprego e mais o prego de condicións dunha empresa de asesoramento para a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e mais un plan de ordenación de Recursos Humanos do Concello de Betanzos, o que vén sendo un Plan de Emprego.
A CIG indicou antes
de comezar cos puntos da orde do día e tendo en conta
que na orde no día non había quenda de intervencións que lle lembraba ao goberno que esta era a terceira Mesa Xeral de Negociación desta
lexislatura e non tiña nin unha soa das actas das reunións
anteriores, nin están aprobadas. O tema das actas xa é unha lamentable constante nos organismos deste tipo mais pensabamos que nesta lexislatura comezabamos con bo pé, mais hai cousas que parece que sempre volven ás súas orixes. Solicitamos que isto se solucione e a ver se para a vindeira reunión da Mesa se aproban as actas das tres sesións anteriores. A maiores, e a pesar de que en novembro de 2015 se acordou que todo o Comité podería facer parte da Mesa o certo é que segue sen ser convocado, o que tamén lle lembramos ao goberno para que solucionase.
Unha vez sinalados estes puntos expuxemos a nosa postura con respecto a algunhas cuestións recollidas na bolsa de emprego coas que discrepamos e que consideramos discriminatorias. Tamén hai que dicir que fomos o único sindicato que fixo achegas e que o goberno indicou que ía mirar algunhas delas para ver se se podían incluír, nin UGT, CCOO nin CSIF abriron a boca neste punto a pesar de que as bases conteñen diversas eivas que deben corrixirse segundo o noso punto de vista. Resultou un pouco lamentable a reunión porque ficou claro que hai quen ten representación para constar mais máis ben pouco para traballar por mellorar as cousas, porque se algo temos claro pola experiencia destes anos é que hai que negociar mais o natural non é estar de acordo sempre coa "empresa", neste caso Administración, porque non hai que esquecer que uns gobernan e outros somos os traballadores e traballadoras e iso, necesariamente, supón a existencia de diferentes puntos de vista sobre cuestións laborais, e para demostrar isto simplemente temos que remitirnos aos problemas laborais desta Administración local.
BASES PARA A SELECCIÓN DE PERSOAL LABORAL TEMPORAL PARA DETERMINADAS CATEGORÍAS DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE BETANZOS, ADSCRUTAS A SERVIZOS PRIORITARIOSOU ESENCIAIS, MEDIANTE A CONSTITUCIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO TEMPORAL PARA OS ANOS 2016 A 2019
En
primeiro lugar expuxémoslle ao goberno que valoramos de xeito positivo que se recorra a unha
bolsa de emprego con maior duración do tempo, que se amplíe a
cobertura das baixas a outro tipo de licenzas e permisos. Tamén lle indicamos que valoramos postivamente que se amplíe o catálogo de postos a cubrir
e que o Concello sen modificación ningunha da lexislación vixente
considere todos os postos de servizos prioritarios e esenciais cando
hai un ano parecía que non había nada nin prioritario nin esencial.
Canto
ao contido das bases propiamente fixemos unha serie de achegas, cuestións e propostas entre as que están as seguintes:
-Descrición das funcións e características de todos os postos de traballo, especialmente dos de grupo 5 cuxas funcións específicas non veñen nin sequera na Relación de Postos de Traballo.
-Necesidade de constancia do grupo profesional no que se vai incluír cada posto para comprobar que os requisitos de titulación se corresponden cos exixidos para cada categoría.
-Adecuación dos requisitos de titulación ás categorías profesionais do novo convenio e da lexislación vixente.
-Adecuación dos salarios ao novo convenio colectivo unha vez que este entre en vigor.
-Non inclusión do requisito de carné de conducir e coche propio para o persoal auxiliar de axuda no fogar. Este requisito non só é discriminatorio co resto de postos nos que non se solicita senón que supón que alguén que non ten vehículo propio non pode presentarse a un posto na Administración pública a pesar de ter a titulación correspondente para desempeñar o traballo. O que está claro é que se o Concello mantén isto perpetúa unha discriminación con este sector, porque as compañeiras están gastando os seus coches persoais e teñen que pagar un seguro e pór o vehículo ao dispor da Administración pública mentres que o resto do persoal de servizos cando ten un desprazamento relacionado co seu traballo utiliza un vehículo do Concello e en ningún momento o Concello lles exixiu ter vehículo propio como requisito para o acceso ao emprego público.
- Inclusión como requisito do nivel correspondente de lingua galega en cada unha das categorías, tal e como é preceptivo na Administración pública galega
-Adecuación das bases á legalidade vixente na fase de concurso, que supera o 40%.
-Valoración dos cursos inferiores a 20 horas tendo en conta que moitas Administracións públicas (EGAP, FEGAMP, Xunta, Deputación, Universidades...) ofrecen formación inferior a esas horas.
-Reelaboración do test e do número de preguntas, así como do sistema que dá lugar a un 30% de probabilidades de aprobar por azar.
-Adecuación dos temarios aos mínimos exixidos polo Real Decreto 896/199 ao que debe axustarse el procedemento de
selección dos traballadores de Administración Local.
- Elaboración dun temario propio para albanel, limpador/a, peón/a limpeza e xardineiro/a e oposición a un temario común para grupo 5 que non avalía os coñecementos específicos para cada posto de traballo.
Logo de facer as achegas manifestamos que se o Concello accede a adecuar os requisitos aos grupos en
que se vai encadrar o persoal, non discriminar ao persoal de axuda a
domicilio no requerimento do carné e utilización de vehículo
propio e incluír o requisito de nivel de lingua tal e como é
preceptivo, así como puntuar os cursos inferiores a vinte horas, ademais de adecuar os temarios aos postos aos que
se accede poderiamos chegar a estar de acordo coa proposta,
do contrario non o apoiaremos e valoraremos o que facer se segue os
trámites e no momento en que se publique.
PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE ASISTENCIA TÉCNICAS E XURÍDICA NO DESEÑO, CONFECCIÓN E IMPLANTACIÓN EFECTIVA DUNHA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO E UN PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS NO CONCELLO DE BETANZOS, ANOS 2016-2019
Con respecto a este punto a CIG expuxo que entende que este non é obxecto propiamente da Mesa Xeral de Negociación
mais que o goberno pretende facer partícipes aos representantes do persoal e amosar vontade de
negociación, o que si que nos parece postivo. Neste documento entendemos que se
recollen dúas cousas, unha Relación de Postos de Traballo e mais un
Plan de Emprego que levará á amortización dunhas prazas e a
creación doutras noutras para o que necesariamente vai haber un
proceso de consolidación de postos de traballo, porque o persoal
laboral temporal non pode ser obxecto dun Plan de Emprego. Canto a
todo isto, e tendo que en conta que xa se asumiu que o propio
Concello non pode realizar este traballo e por iso se externaliza
solicitamos que desta volta si que se leve a cabo todo porque xa en
2014 se contratou unha empresa para a elaboración dunha Relación de
Postos de Traballo que ao final non se fixo.
Canto
a todo o que vén recollido neste ambicioso plan de traballo
valoramos como positivo que o goberno comece a dar os pasos para
solucionar problemas históricos do persoal laboral e a CIG manifestou na Mesa Xeral de Negociación de onte que estará
disposta a negociar sempre que se faga todo ao abeiro da legalidade vixente e en beneficio dos traballadores e traballadoras deste Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario