Celebrou
un Encontro Nacional no que se debateron tamén os protocolos contra
o acoso nos lugares de traballo
Preto
de 250 delegadas sindicais participaron este mércores no III
Encontro Nacional de Mulleres convocado pola Secretaría das Mulleres
da CIG. Unha xornada de debate na que se abordou o acoso laboral por
razón de sexo e o acoso sexual; os protocolos de actuación nas
empresas, a actuación sindical e os pasos a seguir, ademais do
formato da convocatoria da folga xeral de mulleres prevista para o
vindeiro 8 de marzo. A media mañá as asistentes concentráronse
diante do edificio do Cersia co lema arredor do que a central
sindical desenvolve este ano o do Día internacional para a
eliminación da violencia contra as mulleres: “Violencia: nin na
rúa, nin no traballo, nin na casa”.
Folga
xeral de mulleres
“Para
nós este 25 de novembro comeza unha conta atrás que culminará o 8
de marzo coa convocatoria dunha folga xeral de mulleres en Galiza”
explicou a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral. Unha
convocatoria que, lembrou, foi impulsada por organizacións
feministas de distintos países do mundo e que, no caso galego foi
acordada no Encontro nacional da Marcha Mundial das Mulleres, da que
a CIG fai parte, que tivo lugar o pasado mes de outubro.
Corral
subliñou que o obxectivo desta convocatoria é “rexeitar, de xeito
activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres, non só ante
a violencia física, o acoso laboral e sexual e os feminicidios,
senón ante a resposta que moitas administracións dominadas polo
patriarcado dan a estas agresións, e contra a permanente explotación
laboral, a precariedade e a fenda salarial que padecemos as
mulleres”.
Por
iso fixo un chamamento a que ese día as mulleres non acudan ao seu
traballo remunerado, mais tamén que se absteñan de asistir ás
clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado e a realizar
un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas.
A
secretaria das mulleres da CIG lembrou que o ano pasado a
convocatoria foi de paros parciais, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00
a 23:00 horas, co obxecto de garantir que as traballadoras
asalariadas de todas as quendas tiveran cobertura.
Diante
disto, o debate de cara ao 8 de marzo será definir o tipo de
mobilizacións a convocar en cada comarca ben con concentracións,
ben con manifestacións. Accións nas que se implicará e participará
toda a central sindical, tal e como acordou xa o Secretariado.
Violencia
machista
No
decurso da concentración Margarida Corral denunciou que os esforzos
por combater a violencia machista se centren nas vítimas e non en
quen exerce a violencia e insistiu na necesidade de que para previla
“hai que tratar de evitala en orixe, eliminando as súas causas
estruturais, promovendo relacións de igualdade e respecto desde a
infancia”.
Denunciou
ademais a “violencia institucional que destilan as campañas de
organismos que deberan velar pola igualdade e non pola cousificación
das mulleres” e, en concreto, a campaña da Xunta de Galiza con
motivo deste 25 de novembro. “Pasamos de ser os piares da sociedade
en anos anteriores, ao máis grande de Galiza”, dixo. Xunto a isto
considerou que “non nos consideran suxeitos do noso propio destino,
trátannos como obxectos que hai que protexer, como patrimonio do
país, do mesmo xeito que a catedral de Santiago”.
Lembrou
ademais que todo isto ocorre mentres o Observatorio contra a
Violencia de Xénero do Poder Xudicial achegou datos do 2015 que
alertan de que Galiza rexistrou a taxa máis alta do estado español
de asasinatos de mulleres a mans das súas parellas, alén da
advertencia de que cada día as mulleres asasinadas son máis novas.
Violencia:
nin na rúa, nin no traballo, nin na casa
Sinalou
que estas cuestións son as que centran a campaña arredor da que se
desenvolve, este ano, a campaña da CIG en conmemoración do Día
internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e
salientou en concreto “a necesidade de actuar en diferentes eidos:
no educativo, no sanitario, no policial e xudicial, así como no eido
laboral”.
Corral
reclamou ademais “medios, investimento público e unha vontade real
para mudar a situación” e exixiu dirixirse aos agresores e non ás
vítimas.
Xunto
a isto fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas
para o propio 25 de Novembro pola Marcha Mundial das Mulleres.
En
Ourense, ás 19 horas diante do CC Ponte Vella
En
Vigo ás 20 horas dende a Farola de Urzáiz
Na
Coruña, ás 19 horas no Obelisco
En
Compostela, ás 20 hroas dende a praza 8 de marzo
En
Ferrolterra, ás 18 horas diante do polideportivo de San Valentín en
Fene
En
Arzúa, ás 19:30 horas diante da entrada principal do Multiusos
Abordaxe
do acoso
No
encontro abordáronse ademais os distintos tipos de acoso aos que se
enfrontan as mulleres nos lugares de traballo e fíxose unha posta en
común da resposta da CIG ante eles e dos pasos a seguir. Ademais
analizáronse varias sentenzas que se considerou que se debían ter
en conta e puxéronse en común modelos de protocolos negociados e
aplicados en empresas.
Respecto
dos pasos a dar ante unha situación de acoso salientouse como
primeiro recadar toda a información e probas posíbeis que deben
ordenarse cronoloxicamente, ademais de aportar testemuñas se están
dispostas a comparecer como tal.
De
inmediato, notificar os feitos á empresa a través da representación
sindical que presentará un escrito solicitando a apertura do
protocolo de acoso, se existe, do que sempre hai que gardar copia.
Parello
a isto, realizar a pertinente denuncia administrativa, a través da
Inspección de Traballo; xudicial, en función dos danos e prexuízos
causados, ou mediante a vía contencioso-administrativa, no caso das
empregadas públicas.
A
Inspección de Traballo deberá exixir as correspondentes
responsabilidades administrativas á patronal por condutas contrarias
á dignidade do seu persoal cometidas no ámbito da organización e
dirección.
No
caso da Xurisdición do Social, esta recoñecerá o dereito da
traballadora ás indemnizacións correspondentes.
Ademais
a vítima deberá pór en coñecemento ao persoal do centro de saúde
que está a sufrir acoso laboral, co obxecto de que acredite a
necesidade de pasar a unha situación de incapacidade temporal.
Con
todo subliñouse que no acoso laboral teñen que confluír catro
elementos: hostigamento, persecución ou violencia psicolóxica
contra a persoa, carácter intenso da violencia psicolóxica,
prolongación no tempo –agás no caso de acoso sexual, que non ten
por que tratarse dunha conduta prolongada- e que teña como
finalidade danar psicolóxica ou moralmente á traballadora para
marxinala do seu entorno laboral.
Modelo
de denuncia. Protocolo
No
caso de existir un Protocolo hai que solicitar a súa apertura. A
este respecto, a secretaria das Mulleres da CIG, lembrou que todas as
empresas “teñen a obriga de adoptar medidas dirixidas a evitar o
acoso e actuar diante dunha denuncia”. Porén, matizou que “en
moitos casos os protocolos son unha mera declaración de intencións
e non serven como procedemento de investigación”.
Corral
afirmou ademais que “o acoso é unha infracción moi grave” que
pode dar lugar a sancións administrativas contra acosador e empresa.
Ademais, no caso de acoso sexual e por razón de sexo, a Lei Orgánica
3/2007 para a igualdade entre mulleres e homes recolle a necesidade
de que existan plans de igualdade para as empresas de máis de 250
traballadoras/es e a obriga de todas, independentemente do número de
traballadoras/es, a ter, cando menos, un protocolo ou uns
procedementos específicos para previr o acoso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario