A
primeira das mobilizacións está prevista para o 11 de xullo ás
13:30h diante da fábrica de Citroën, en Vigo
A Secretaria das Mulleres da CIG,
Margarida Corral, presentou esta mañá, en rolda de prensa, unha
campaña que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses baixo o
lema “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos”, coa que se
pretende visibilizar, denunciar, sensibilizar e combater as
discriminacións que sofren as mulleres, polo feito de o seren, no
mundo do traballo. Tal e como explicou Corral “lanzamos esta
campaña conscientes da necesidade de loitarmos contra as diferenzas
salariais, contra o desemprego, contra a minusvalorización dos
traballos feminizados, contra a problemática derivada dos coidados
(dentro e fóra do fogar), contra os salarios de miseria, contra a
precariedade, a eventualidade, as xornadas parciais, o acoso
machista. Por todas e cada unha das discriminacións e
explotacións que requiren unha resposta do feminismo de clase”.
Corral explicou que esta pretende ser
unha campaña sostida no tempo e non vinculada á conmemoración de
datas concretas. “O obxectivo é sacar á luz a situación de
desigualdade que sufrimos as mulleres, exemplificando con casos
concretos (convenio colectivo, plan de igualdade, situación concreta
na empresa ou sector…) en que consiste a discriminación e como lle
dar resposta desde a CIG”. Ademais adiantou que se acompañará
cada denuncia con mobilizacións para que transcendan socialmente.
Primeira mobilización en Citroën
Así, para o vindeiro día 11 de xullo
ás 13:30 horas esta xa prevista a primeira das concentracións
diante da fábrica de Citroën, en Vigo, para denunciar a vulneración
de dereitos fundamentais tras a imposición do “acordo sobre
sistemas de organización en casos de redución de xornada” que
limita o exercicio dos dereitos de conciliación do seu persoal.
A este respecto denunciou que “esta
multinacional non só obriga ao seu persoal a acollerse a unha
redución de xornada, coa merma salarial que isto supón, para poder
conciliar, imposibilitando unha concreción da xornada laboral
flexíbel, senón que impide o dereito das traballadoras e
traballadores a poder decidir a concreción horaria da súa xornada”.
E sinalou que, pola contra, Citroën defende a proposta xustificando
que así estandariza as solucións, obviando as diferentes
circunstancias familiares do persoal do taller. Un Acordo que a Cig
xa ten denunciado no xulgado á espera de xuízo.
Citroën é, en todo caso, unha máis
dunha longa lista de empresas que a cotío vulneran os dereitos das
traballadoras. De entre estas, Corral salientou o caso de UNISONO,
empresa do sector de centros de chamadas denunciada por denegar
solicitudes de redución de xornada por garda legal, concretadas de
luns a venres, pese a ofertar un posto de traballo neste horario.
Outra das que sinalou foi FROIZ, onde
“se tes quenda partida e solicitas reducir a tarde non cha aceptan
e mándanche comezar a rotar en quendas semanas de maña e tarde.
Onde ao cumprir os 8 anos de idade as crianzas, chaman de RRHH para
que fagan una renovación da redución (que agora é extensiva aos 12
anos) que aproveitan para modificar os horarios, especialmente nos
casos en que as persoas teñan quenda única de mañá ou non
traballen os sábados. Mesmo tivemos varias denegacións de remate do
goce de redución de xornada, alegando que non tiñan necesidade de
máis horas de contratación nesa tenda”.
Tamén denunciou o caso de Inditex que
denega de xeito arbitrario a meirande parte das solicitudes de
concrecións horarias das reducións de xornada e non aplica as
medidas de flexibilización horaria da xornada sen reducila.
Xunto a esta salientou o caso de
Pescanova onde aquelas persoas con contrato a tempo parcial ligado a
unha flexibilidade horaria en termos absolutos (días/horas 365 mañá
tarde e noite) a empresa négalle o dereito á concreción horaria ao
persoal con crianzas menores de 12 anos, empregando o argumento de
que só se pode concretar o horario se hai redución de xornada.
Cuestión que está nos tribunais pendente de resolver e da que a CIG
se fará eco durante a negociación do seu plan de igualdade.
Lembrou tamén o caso das traballadoras
do Grupo Norte, que veñen mobilizándose nas últimas semanas en
demanda de igual traballo, igual salario. Unha denuncia que se
manterá nas vindeiras semanas, xa que non é o único caso de
discriminación salarial por razón de sexo, vinculada á
clasificación profesional.
Administracións públicas
Con todo, Margarida Corral subliñou
que este tipo de situacións non só se dan nas empresas privadas,
senón tamén nas administracións públicas. Como exemplo puxo casos
como o do Sergas, que segue a aplicar a lexislación anterior e só
aceptan reducións de 1/3 ou ½ da xornada. Ademais matizou que “é
moi común a denegación das reducións de xornada nos PAC ao
coincidir varias persoas con crianzas a cargo. Alén diso, nos meses
de verán auméntanlle a xornada xusto cando solicitaban reducir”,
afirmou.
Do mesmo xeito asegurou que o Consorcio
denega sistematicamente a concreción horaria das reducións de
xornada, impide a flexibilización sen concreción e mesmo as
permutas para o persoal interesado en cambiar de lugar de traballo
con crianzas a cargo ou obstaculiza e mesmo denega as
prestacións por risco no embarazo das súas traballadoras.
“Situacións que acaban denunciadas nos tribunais e das que temos
múltiples sentenzas nas que se lles recoñecen os dereitos”.
A esta discriminación engadiu outras
de tipo salarial, ao non incrementarlles a base de cotización
recollida no acordo asinado entre a Xunta e os sindicatos para o pago
dos trienios con efectos económicos desde xaneiro de 2017, deixando
fóra ás traballadoras en situación de suspensión por maternidade
durante ese ano.
Para a secretaria das Mulleres da CIG
todos estes casos alén de vulnerar os dereitos das mulleres “supoñen
un claro obstáculo para o exercicio dos mesmos e constitúen unha
grave discriminación por razón de sexo, ao ser as mulleres as súas
principais destinatarias”.
Por iso denunciou a hipocrisía das
empresas, “inmersas en longas negociacións de planes de igualdade,
de protocolos de acoso, que son unha cortina de fume, xa que
paralelamente poñen trabas continuas no ámbito laboral ao exercicio
dos nosos dereitos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario