O pasado 06/07/2018 tivo lugar a Comisión Paritaria de Igualdade coa seguinte orde do día:
1. Aprobación, se procede, da acta da reunión anterior.
2. Aprobación do texto definitivo do Regulamento de funcionamento da comisión.
3. Aprobación
do texto definitivo do Protocolo contra o acoso sexual.
4. Aprobación
da metodoloxía para o estudo diagnose e o Plan de Igualdade
tras escoitar as propostas
5. Rogos
e preguntas.
Na reunión, unha vez máis, volveu haber discrepancias principalmente entre os delegados do CSIF e da CIG, toda vez que o CSIF na terceira reunión desta Comisión pretendía cambiarlle o nome e, por tanto, a finalidade, e que non só fose de igualdade, senón tamén contra o acoso laboral, algo que xa se desbotara na reunión anterior. Todos os membros, agás o CSIF estiveron a favor de manter a Comisión tal cal se constituíra.
Así mesmo, e nunha volta máis que nunca o sindicato representado por traballadores da Policía Local, pretendían seguir achegando novas propostas para a aprobación do Regulamento, así como para o Protocolo e dilatar unha vez máis a súa aprobación, a pesar de que tiveran máis de mes e medio para revisar as propostas da CIG e un prazo de dez días desde a última reunión (que foi acordado entre todas e todos) para facer as propostas que considerasen pertinentes.
Finalmente, tal e como estaba previsto e a pesar dos atrancos do sindicato dos funcionarios con problemas que xamais mencionou en ningún outro organismo de negociación aprobouse o Regulamento de funcionamento e mais o protocolo contra o acoso sexual, que proximamente publicaremos posto que está pendente de incluír as últimas modificacións acordadas.
O do CSIF cos temas de igualdade neste Concello comeza ser demasiado sospeitoso, xusto pon problemas nunha Comisión cuxo eixe principal é a consecución da igualdade e a elaboración dun plan interno, a única comisión de negociación deste Concello presidida por unha muller e na que as mulleres son (case) o mesmo número que os homes. A CIG indicoulle alí mesmo aos delegados do CSIF que se os actores nas negociacións desta Comisión son os mesmos que no resto (o goberno e os sindicatos) de aí resultaba demasiado estraño que insistisen en trasladar a negociación do protocolo a unha mesa xeral de negociación, que casualmente estivo presidida por un home nos últimos sete anos e no que as mulleres forman parte dunha escasa minoría. Insistiu, ademais, en que o importante era que este protocolo se aprobase canto antes e que ficase claro que as cuestións de igualdade se debían tratar alí e máis aínda aproveitando que é o organismo de negociación con maior número de mulleres que ten agora o Concello de Betanzos.
En canto o Concello facilite os textos definitivos dos documentos acordados darémoslle a difusión oportuna para o coñecemento xeral de todo o persoal.
Finalmente, en último lugar, aprobouse a metodoloxía para o estudo diagnose e o Plan de Igualdade proposta polo Departamento de Igualdade con algunha das achegas realizadas. Acordouse que a partir de mediados de setembro, momento no que hai un maior número de traballadores e traballadoras pola volta das vacacións, comezaranse a achegar as enquisas para a diagnose previa ao plan de igualdade municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario