11/07/18

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que lle dea cumprimento aos acordos adoptados na Comisión Paritaria do 18 de xullo de 2017, 9 de abril de 2018, 11 de maio de 2018 e 21 de xuño de 2018

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG vén de solicitarlle ao Concello que lle dea cumprimento aos acordos tomados nas reunións da Comisión Paritaria do 18 de xullo de 2017, 9 de abril de 2018, 11 de maio de 2018 e 21 de xuño de 2018. Na solicitude rexistrada na sede electrónica, lembroulle o seguinte:

PRIMEIRO. Que na Comisión Paritaria Mixta do Convenio Colectivo do persoal laboral do do 18 de xullo de 2017, 9 de abril de 2018, 11 de maio de 2018 e 21 de xuño de 2018 tomáronse unha serie de acordos sobre diversos aspectos do Convenio colectivo en vigor que están pendentes de modificarse.

SEGUNDO. Que o artigo 13.2. do Convenio colectivo vixente indica os prazos de resolución da Comisión Paritaria e esta ten varias cuestións pendentes de resolver fóra dos prazos marcados no devandito convenio.

TERCEIRO. Que estas modificacións do Convenio colectivo, segundo indicou o propio Concello, deben aprobarse polo pleno da Corporación para a súa posterior entrada en vigor e ata onde temos coñecemento non se levaron para tratarse no devandito órgano.

CUARTO. Que este Comité de Empresa leva máis dun ano intentando resolver os problemas derivados da interpretación unilateral que o Concello de Betanzos fixo do Convenio colectivo do persoal laboral no momento que entrou en vigor (7 de abril de 2017), tal e como consta en múltiples solicitudes, así como nas catro reunións da Comisión Paritaria nas que nos temos xuntado sen que ata o momento o Concello continuase cos pasos oportunos para que as modificacións mencionadas se fagan efectivas.

QUINTO. Que entendemos, tal e como indica o propio Convenio colectivo, que a Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento é o órgano encargado de interpretar a totalidade dos artigos e cláusulas do Convenio e resolver aquelas cuestións que sexan sometidas polas partes, mais o Concello de Betanzos teima en que a interpretación das cláusulas non é suficiente e é precisa unha modificación do Convenio para facer efectiva esta interpretación e isto é o que leva dilatando máis dun ano a aplicación dos criterios acordados cun prexuízo para os traballadores e traballadoras afectadas pola interpretación unilateral que o Concello fixo desde abril de 2017.

SEXTO. Que no caso de que o Concello de Betanzos non resolva esta cuestión, o Comité de Empresa tomará as medidas oportunas para facer efectivos os acordos adoptados por ambas as partes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario