Corral: “Convocamos folga de 24 horas
o 8M porque estamos fartas da desigualdade e das agresións que
sufrimos”
A secretaría das Mulleres da CIG
presentou esta mañá, en rolda de prensa, o Informe de “Situación
sociolaboral das Mulleres en Galiza (ano 2018)”. Un estudo
elaborado polo Gabinete de Economía da central sindical no que se
evidencia que persiste unha fenda salarial do 21,5% e que esta se
afonda no caso das pensionistas, alcanzando o 36,6%, 15 puntos máis.
Unha situación provocada polas máis baixas bases de cotización das
mulleres ao longo da súa vida laboral, mais tamén por mor do menor
tempo cotizado. De feito, as mulleres de menos de 25 anos acumulan xa
2 meses menos cotizados que os homes da mesma idade.
Diante desta situación e porque “non
se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se
recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres
teñamos vidas dignas, nin por parte do goberno galego, nin do
goberno do Estado”, a pesar de que miles de galegas rebordaron as
prazas e vilas do país. Mais tamén porque “asistimos a un rearme
do patriarcado nas institucións nas que ostenta o seu poder” a
secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, afirmou que “cómpre
impulsarmos na Galiza unha xornada de combate e de loita” o
vindeiro 8 de Marzo.
Unha folga de 24 horas para que, dunha
vez por todas “o poder entenda que as mulleres estamos fartas da
desigualdade e das agresións que sufrimos, e porque non imos
permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda
nos quedan moitos por conquistar”.
Unha folga laboral que a CIG ten
convocada porque “é o instrumento do que dispomos as mulleres da
clase traballadora para exercer presión para obtermos unha mellora
nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos”
e que Corral estendeu ao eido estudantil, de consumo e de coidados
“para concienciar do traballo invisíbel que facemos as mulleres,
amosando que o noso papel na sociedade non é subsidiario, senón
fundamental para o desenvolvemento”.
Mobilizacións
A secretaria das Mulleres da CIG fixo
un chamamento a participar masivamente nas 27 mobilizacións que a
central sindical ten convocadas en cidades e vilas do país, ao longo
da mañá do propio 8 de Marzo.
Xunto a isto chamou a participar tamén
na manifestación que a Asemblea Galegas8M -na que está a
participar activamente a Secretaría das Mulleres da CIG- convoca en
Lugo para o vindeiro día 3 de Marzo, a partir das 12:00 horas, desde
a Porta Falsa. Unha mobilización para a que, lembrou, se están
poñendo autobuses desde as distintas comarcas. Isto xunto
co chamamento a participar dos distintos actos e mobilizacións
convocadas tamén por Galegas 8M, durante o transcurso da xornada de
folga.
Día Internacional da Muller
Traballadora
Margarida Corral sinalou que para as
mulleres da CIG o 8 de marzo é un día de “reivindicación,
de denuncia, de combate, de loita”, mais tamén de lembranza dos
motíns de subsistencia e os tumultos convocados por mulleres na
Galiza o século pasado, desde Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e
Sobredo, contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos,
nas labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, neses mitins
e manifestacións de mulleres das clases populares do país que
percorreron as rúas galegas, “tantas veces esquecidas, neste país
colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e
de loita polos nosos dereitos”.
Un día tamén para lembrar que foi en
1910 cando na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en
Copenhague se escolleu o 8 de marzo como Día Internacional da Muller
Traballadora sostendo que “as mulleres traballadoras debían
librarse da opresión do réxime capitalista, reclamando o dereito ao
sufraxio feminino, a redución da xornada laboral, melloras nas
condicións de traballo e o dereito á sindicalización”. Unha
orixe “revolucionaria” que chamou a non esquecer porque do
contrario “corremos o risco de falsificar a historia”.
Asegurou que, por iso se convoca a
folga laboral, como “o instrumento de que dispomos as mulleres da
clase traballadora para exercer presión, para obtermos unha mellora
nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos”
e chamou a todas as mulleres a negarse a realizar “dun xeito total
o traballo que temos encomendado estamos evidenciando as eivas dun
sistema que nos discrimina, que nos agride, que nos precariza”.
Unha de cada catro mulleres por debaixo
da liña da pobreza
Desa discriminación e precarización
falou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía
da CIG, que foi quen debullou os resultados máis salientábeis do
informe (que se adxunta ao pé) e comezou lembrando que a crise
provocou que as desigualdades sociais se incrementaran
exponencialmente. Por iso manifestou a súa preocupación diante da
posibilidade de que a desigualdade de xénero poida pasar por iso
desapercibida, porque hai indicadores que melloraron con respecto aos
homes.
Unha mellora que, subliñou, “non se
debe a que mellorara a situación laboral das mulleres, senón que
houbo un empeoramento tremendo da situación laboral dos homes” que
perderon o seu posto de traballo en sectores como Industria ou
Construción provocando que baixaran as medias “sen que a situación
da muller mellore”.
Con esta matización de partida, para
medir a situación sociolaboral das mulleres, López Gromaz puxo
sobre a mesa a situación de pobreza que, hoxe máis que nunca “ten
faciana de muller”. En todo caso, advertiu tamén que como a liña
da pobreza se calcula en función da mediana dos ingresos e estes
baixaron “hai mulleres que sen mudar os seus ingresos, ou mesmo con
ingresos inferiores a hai 10 anos, agora están fóra da liña de
pobreza” pero porque “baixou a vara de medir”.
Aínda así sinalou que en 2017 o 22,2%
das mulleres en Galiza viviron por debaixo da liña da pobreza,
practicamente 1 de cada 4; que segundo datos do Ministerio de Asuntos
Sociais o 59% das persoas perceptoras do RISGA en Galiza, foron tamén
mulleres, unha porcentaxe que se eleva ao 94%, no caso de familias
monoparentais perceptoras do RISGA.
O 37% das traballadoras non chegan ao
SMI
Tirando dos datos da Axencia
Tributaria, López Gromaz cualificou de “moi preocupante” que
as mulleres en Galiza ingresaran de media, bruto
anual, 16.123 €, mentres os homes ingresaron 20.554 €. Un total
de 4.431 € menos, o que sitúa a fenda salarial no 21,5%.
Porén salientou que desagregando un
pouco máis é “terrible” (tal e como se aprecia na gráfica) que
nos tramos de menores ingresos, até 1,5 veces o SMI, o número de
mulleres é moi superior ao dos homes. Porén, a medida que se pasa
deses ingresos a porcentaxe de mulleres vai descendendo até que, no
último tramos, que se corresponde coas persoas que perciben 10 veces
o SMI, tan só hai un 17% de mulleres, mentres que o 83% son homes.
“A vista destes datos o teito de cristal non precisa de máis
explicacións”, concluíu.
Mirando esas porcentaxes polo miúdo a
responsábel do Gabinete de Economía chamou a atención sobre o
feito de que o 37% das mulleres que declararon ingresos a Facenda no
ano 2017 non chegaron ao SMI e, peor aínda, o 20,5% non chegou
sequera á metade deste.
Precisamente no colectivo no que máis
se incrementou a ocupación foi no de mulleres que ingresaron entre a
metade e unha vez o SMI, alcanzando en 2017 o 37% cando, no ano 2009,
era do 33%.
Precariedade, contratos a tempo parcial
e elevada rotación
Este forte medre da precarización
produciuse porque o sector no que máis se incrementou a ocupación
foi en Servizos, con salarios máis baixos e, dentro deste, en
“Outros servizos persoais e de ocio”. De feito, no ano 2017 o 87%
das mulleres asalariadas en Galiza traballaban nalgunha actividade
relacionada con este sector, cando no ano 2009 eran o 85%. Entre
mentres, no resto dos sectores destruíuse emprego. Estamos falando
duns ingresos anuais, en 2017, de 7.823 euros, moi por debaixo do
SMI, que foi de 9.906,40 euros anuais para ese ano.
Nesta precarización salarial inflúe
tamén o tipo de contrato ou xornada realizada polas traballadoras.
Mentres o 21,9% das mulleres teñen xornadas parciais, só o 5,9% dos
homes tiveron este tipo de xornada no ano 2018. O resultado é que as
mulleres ocuparon o 77,3% do total dos traballos a xornada parcial no
ano 2018. Ano no que, ademais, a taxa de temporalidade masculina se
situou no 25,6% mentres que a feminina foi do 27,5%, 2,1 puntos
superior.
Pero é que ademais en 2018 se asinaron
un total de 498.344 contratos iniciais para 117.400 mulleres, o que
dá unha media de 4,2 contratos por muller cando no ano anterior eran
3,8 contratos por muller. Xunto a isto, Natividade López salientou
que dos temporais asinados o 36,1% duraron menos dunha semana e o
48,6% menos dun mes.
Fenda salarial nas pensións
A fenda salarial dáse tamén nas
pensións. En 2017 foi do 36,6%, ou o que é o mesmo, unha
pensionista galega ingresou, en temos absolutos, 357,31 euros
mensuais menos, isto é, 5.000 euros menos ao ano.
Esa fenda salarial, segundo a
economista da CIG vaise agrandando ao longo dos anos e comeza ao
inicio da vida laboral das mulleres, porque as menores de 25 anos xa
acumulan, con esa idade, 2 meses menos de cotización. Unha
circunstancia que, ao seu entender, non se xustifica nin por unha
menor formación, porque nesas franxas de idade é superior nas
mulleres, nin por maternidade, porque a media de idade na que teñen
o primeiro fillo é en Galiza superior.
Por iso Natividade López concluíu
chamando a atención precisamente sobre este feito. Porque esa fenda
nas pensións prodúcese como consecuencia de que ao final da súa
vida laboral as mulleres cotizaron, de media, 10 anos menos o que
xunto ás máis baixas bases de cotización provoca que as súas
pensións sexan moi inferiores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario