28/02/19

O goberno municipal teima en levar adiante unha RPT que exclúe e discrimina ao persoal laboral

Hoxe tivo lugar a que parece a última xuntanza de negociación da Relación de Postos de Traballo, dicimos que parece, porque a anterior xa ía ser a última antes da Mesa Xeral de Negociación.

Tal e como informamos, a documentación foi entregada con menos de 24 horas de antelación, o que dificultou o seu estudo polo miúdo, isto unido aos erros en datos económicos que contiña e que mesturaban a última proposta coa actual, asemellouse a unha chapuza de última hora.

A cuestión de fondo segue sendo a mesma, unha empresa que lles fai recomendacións aos sindicatos para que aproben o que eles consideran e que valora unha realidade laboral que descoñece por completo cunha certeza que nos deixa abraiados. Un concelleiro de Persoal que por fin manifestou que efectivamente esta RPT é discriminatoria para o persoal laboral mais que teima en botar por terra o compromiso acadado co convenio colectivo en 2015 de iniciar o camiño da equiparación salarial co funcionariado. O último elo da cadea é a ruptura definitiva entre os sindicatos que representan ao persoal laboral e o funcionariado, posto que os representantes deste último colectivo ignoran por completo a gravidade de apoiar un documento cuxo eixe é a discriminación dos traballadores e traballadoras laborais e impórtalles unica e exclusivamente unha suba salarial que lles afecte a cantos menos traballadores do Concello posibles, xa que a exclusión do documento de 55 prazas beneficia claramente ás que si que forman parte dela.

Este documento demostra e deixa patente que para o PSOE o traballo do persoal laboral vale menos que o do funcionariado, a pesar de que o primeiro colectivo engrosa a maior parte de traballadores e traballadoras do Concello.

Agora quedaría a Mesa Xeral de Negociación, onde se o goberno non modifica a proposta e os sindicatos non mudan de postura podería aprobarse co apoio de CCOO e CSIF. Logo tería que tramitarse a aprobación provisional no pleno, como moi tarde de abril, e abriríase un prazo de presentación de alegacións. Estas alegacións deberían resolverse no pleno, dependendo do que tarden en ir a este, ao mellor xa as resolvería unha nova corporación, que tamén se podería enfrontar aos recursos que procedan por parte dos traballadores e sindicatos que decidan interpoñelos no caso de que se aprobe definitivamente e consideren que vulnera a legalidade ou os seus dereitos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario