Milleiros de persoas súmanse á
manifestación de Galegas8M, na que se chamou a secundar a Folga de
Mulleres do 8 de Marzo
Milleiros persoas encheron este domingo
as rúas de Lugo para reivindicar un futuro de dignidade para as
mulleres nunha sociedade igualitaria, xusta e libre. Baixo o lema
"Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta
feminista", o feminismo galego colleita outra xornada histórica
de loita, amosando o seu poder de convocatoria e que serve como
preludio da folga internacional de mulleres convocada para o vindeiro
8 de Marzo.
A manifestación saía pasado o
mediodía dende a Porta Falsa, percorreu parte da Ronda da Muralla,
cruzou o centro histórico de Lugo, e volveu saír á Ronda até
rematar na Praza da Horta de Santo Domingo. Alí, Ana Carreira e
Cristina Lombao presentaron o acto final, dando paso a María
Reimóndez e María Osoiro, que foron as encargadas de dar lectura ao
manifesto, e ás actuacións de Batuko Tabanka e do Grupo Teatro
Feminista de Lugo.
Entre a morea de faixas de mulleres que
percorreron as rúas de Lugo estaba a da Secretaría das Mulleres da
CIG, coa súa secretaria á cabeza, Margarida Corral, acompañada de
centos de delegadas e afiliadas da organización.
Corral salientou o éxito da
mobilización , así como o feito de que “unha vez máis, Galiza é
vangarda no Estado español", sendo un dos poucos territorios do
mundo que organiza unha mobilización previa á xornada do 8 de
marzo, "onde milleiros de mulleres de todas as idades e
militancias marchan unidas baixo unha mesma loita, amosando a
diversidade do feminismo galego e o seu poder de convocatoria".
Antesala da folga de mulleres do 8 de
Marzo
"Como di o lema deste ano,
subliñou, estamos aquí por todas as mulleres, por todos os
dereitos, participando nunha revolta feminista, coa mirada posta nas
nosas antergas, que hai máis dun século percorrían as rúas do
país protagonizando tumultos e mobilizacións en demanda dunha
sociedade máis xusta para todas". A este respecto, a
responsábel da secretaría das mulleres da CIG salientou que "o
que está a acontecer hoxe é unha antesala do que vai ter lugar o
vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora",
xornada na que hai convocada unha folga de mulleres de 24 horas e
unha morea de mobilizacións ao longo do día.
Margarida Corral lembrou que “estamos
na rúa para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos
as mulleres, impulsando na Galiza un novo día de loita para que o
poder entenda que estamos fartas da desigualdade e das agresións que
sufrimos”.
E engadiu “mais as mulleres da CIG
tamén queremos insistir en que é preciso desmontar a hipocrisía e
a falsidade coa que se trata a problemática específica das
mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder
político e do sistema, tanto polos gobernos que aprobaron as
reformas laborais e das pensións e non as derrogaron, como pola
dereita que continúa a atacar frontalmente os nosos dereitos máis
fundamentais”.
Por iso, aseverou que para "para
nós hoxe é un día de denuncia, de combate e de loita
revolucionaria. Que o poder tome nota das nosas reivindicacións,
porque somos máis da metade desta sociedade e non imos permitir
ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos dereitos por
conquistar".
Finalmente, Corral lanzou un chamamento
a todas as galegas a que vindeiro 8 de Marzo secunden a convocatoria
de folga laboral, estudantil, de coidados e de consumo e a que
participen tanto nas mobilizacións que a CIG ten organizadas ao
longo do país, como nas que para esa xornada vai realizar Galegas8M.
Manifesto: "Por todas as mulleres,
por todos os dereitos: Revolta feminista"
Ateigamos Lugo en sororidade con todas
as mulleres que neste 8 de marzo faremos folga en todo o mundo!
Lembremos, irmás, como no 2018 fixemos historia: milleiros de
galegas sumámonos ás mobilizacións e ao paro internacional de
mulleres, demostrándolle ao patriarcado que se as mulleres paramos,
o mundo para! E hoxe, continuamos aquí, loitando por todas as
mulleres e por todos os nosos dereitos. Porque hoxe é unha xornada
de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para
conquistarmos un futuro digno para todas! Porque todas temos voz e
todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta
feminista é unha obriga!
En marzo de 1918, hai máis de cen
anos, as nosas irmás ergueron unha revolta polo pan, pola terra e
pola vida digna na Galiza, combateron ao berro de “Temos Fame.
Abaixo os acaparadores!” a quen onte coma hoxe explota á nosa
clase e espolia a nosa terra. Hoxe recollemos o seu legado, a
súa loita contra os tiranos que é tamén a nosa, e reivindicamos a
nosa revolta coma filla daquela, co empeño de manter acesa a
revolución que as mulleres construímos contra o patriarcado, o
capitalismo, o racismo e todas as formas de explotación. E neste 8
de marzo millóns de mulleres en todo o mundo secundaremos a folga
laboral, estudantil, de consumo e de coidados:
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para esixir un plan integral que protexa as nosas vidas do
machismo e das violencias machistas, e que estea dotado de recursos
económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e
eficaces. Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas,
violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas,
empobrecidas e excluídas.
Queremos parar de contar cantas teñen
que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as
humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos
agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un
só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo
este terror só vai rematar o día que acabemos con el.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para que os coidados sexan asumidos polo conxunto da
sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas
en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non
remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados!
Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e
traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga
todo este traballo con violencias.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para demandar unha reforma laboral con perspectiva social e
de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso
sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do
traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza. Porque as
dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis
ditadas polos señores do capitalismo.
Porque hoxe as mulleres máis novas
están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á
exclusión social e á pobreza, ou a emigraren para buscar unha
saída; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade, sen
recursos nin comunidades que as sustenten. Porque estamos fartas de
percibir as pensións máis baixas do estado, unhas pensións de
miseria, que nos obrigan a sufrir pobreza na vellez.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para esixir un ensino público, galego, de calidade,
igualitario e non sexista; no que a igualdade e a diversidade sexan
eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades, e no
que exista unha educación afectiva e sexual dende a primeira
infancia e adaptada a todas as idades, que propicie o desenvolvemento
libre e saudábel da propia sexualidade, a normalización e a
celebración da diversidade, e que erradique o machismo e a misoxinia
desde a súa raíz!
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para que os poderes públicos se involucren nunha loita real
contra o abandono e destrución do medio rural, e para nos relacionar
co medio e co consumo de forma radicalmente diferente e sustentábel.
Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla
precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas
comunidades, senón tamén unha fonte de sustento para todas que o
poder condena á morte. Porque precisamos a soberanía alimentaria
para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o
espolio dos nosos recursos naturais.
- Facemos folga de mulleres este 8 de
marzo porque somos diversas: Somos migradas, xitanas, con diversidade
funcional e racializadas. Mulleres de todas as idades. Lésbicas,
trans, bisexuais, inter, queer, hetero… E o patriarcado capitalista
instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, para nos
desartellar con violencias e discriminacións específicas e para
impedirnos avanzar a todas cara unha sociedade igualitaria, xusta e
libre.
- Facemos folga de mulleres este 8 de
marzo porque sobre as mulleres migradas recae a violencia dunha Lei
de Estranxeiría criminalizadora e mercantilista, ademais da
represión atroz dentro e fora das fronteiras. Represión que se
materializan en sistemas de vixilancia, nas devolucións “en
quente”, nas redadas racistas, nos Centros de Internamento de
Estranxeiras/os e nos voos de deportación forzosa. Porque o racismo
e o colonialismo seguen a impregnar todas as esferas sociais,
subordinando os corpos e identidades non brancas, explotándonos e
facéndonos cidadás de segunda clase.
Porque as mulleres en situación de
empobrecemento e exclusión resistimos ao embate dunhas políticas
sociais inexistentes ou nefastas, con instrumentos que afondan no
control social, na estigmatización da pobreza e en culpabilizarnos
por un problema estrutural: poñer as vidas e a satisfacción de
necesidades ao servizo dos intereses do mercado. Porque son esas
mulleres as que soportan co seu traballo precario a “liberación
feminina” daquelas mulleres mais privilexiadas que aínda poden
xogar a ser princesas, señoras respectábeis e feministas de
efeméride.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo porque queremos visibilizar e lexitimar a diversidade
identitaria, de xénero e sexual da cultura xitana; para elo é
necesario un cambio estratéxico que empodere as mulleres xitanas e
acabe coa presión transversal, clasista e racista. Porque queremos
ser artífices do noso propio cambio e xunto ao movemento feminista
defender os nosos lexítimos dereitos. Polas mulleres xitanas libres:
Opre Romnia!
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo porque o menosprezo, a humillación, as agresións, a
discriminación laboral, a patoloxización e as violencias médicas
baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e
intersex. Porque todas as feministas esiximos a despatoloxización
das persoas trans e intersex sen ambigüidades, á vez que rexeitamos
a transfobia, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres
trans e intersex, que xa formamos, e sempre formaremos, parte dos
feminismos.. Porque todas queremos ser libres para gozar das nosas
vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo sen
violencias.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo porque as mulleres con diversidade funcional están
dobremente expostas á discriminación (por razón de xénero e
diversidade), afectadas por índices de paro aínda máis elevados, e
moito máis expostas, se cabe, á pobreza, aos abusos, á violencia e
á precariedade.
- Facemos folga de mulleres este 8
de marzo para que os poderes públicos se involucren nunha loita
real, contra a industria da trata, porque as mulleres explotadas
polas mafias sofren a expresión mais extrema e cruel da alianza
entre patriarcado, capitalismo e colonialismo; porque non as vamos
invisibilizar, non as vamos esquecer!
Por todo isto, as mulleres saímos á
rúa hoxe e seguiremos saíndo cada 8 de marzo. Porque só así
seremos capaces de construír unha Galiza, un mundo, e unhas vidas
xustas, igualitarias e libres para todas! E seguiremos revoltándonos
polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos
libres! Por nós e por todas as que non poden facela. Polas que non
paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder
parar. Por todas aquelas que teñen pendurado un mandil na casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario